“Xaime Isla Couto era un proxectista, tiña fundamentalmente unha mentalidade creadora”

Xosé Luís Franco Grande comezou a traballar xunto a Xaime Isla Couto (1915-2012) nos primeiros anos 60. Isla converteríase así para el nun mestre profesional, no campo do dereito, pero tamén nun mestre do galeguismo. O intelectual e economista, salienta Franco Grande, foi sobre todo un proxectista, un perfil que o académico abordará este mércores, 23 de setembro, na mesa redonda coa que a Academia celebra en Vigo o centenario do nacemento de Isla. 
Xosé Luís Franco Grande
O académico Xosé Luís Franco Grande. Foto: Xosé Castro


Moderada pola académica Rosario Álvarez, na mesa redonda dedicada a Xaime Isla Couto, xunto a Franco Grande tamén intervirán o académico Víctor Freixanes e o economista Xabier Martínez Cobas. O acto celebrarase este mércores 23 na Casa da Cultura de Vigo, a partir das 19.30 horas. O programa é parte das xornadas que a Academia celebra este mes na honra de Xosé María Álvarez Blázquez, do propio Isla Couto e de Ramón Piñeiro no centenario dos seus nacementos.

Vostede titula a súa intervención na xornada de honra ‘Xaime Isla Couto ou o proxecto permanente'. Por que ese título?
O propio Xaime definíase como un proxectista. Era un home que estaba sempre imaxinando cousas, tiña unha mentalidade fundamentalmente creadora. Para el a vida foi un proxecto continuo, tiña unha gran capacidade de ideación. Nese aspecto era moi lúcido, moi fecundo.

Cal foi o seu maior proxecto?
Penso que foi fundamentalmente a editorial Galaxia. El, digamos, foi o proxectista práctico, o que concibiu a sociedade, a forma xurídica e todos eses aspectos. Proxectistas de Galaxia foron tamén outros, pero el foino desa parte máis práctica. Tamén axudou moitísimo na posta en funcionamento da Fundación Penzol, que foi idea de Fermín Penzol e de Ramón Piñeiro, e en moitas outras cousas.

E tamén foi pioneiro na introdución dunha perspectiva galeguista na economía.
Foino. Naquel momento, nos anos 50, en Galicia non había unha idea do que era a economía galega. Era un mundo de tópicos, de parvadas. Nos xornais dicíanse monstruosidades enormes. Por exemplo, que os ríos galegos tiñan que ir contaminados, porque iso era sinal de que había grandes industrias. A maior parte da xente que escribía sobre temas económicos, e houbo unha época en que iso era un andazo, non sabía unha palabra de economía. En todo este caos puxo moita orde a Revista de Economía de Galicia. As ideas de Xaime manifestábanse en moitos artigos e editoriais da revista.

Que se debe facer para manter vivo o seu legado e recoñecer a súa figura como merece?
Hai que volver á Revista de Economía de Galicia, á historia de Galaxia, á da editorial SEPT (primeira en editar a Biblia en galego) e un pouco a todas as cousas que foron parte da súa actividade fundamental.