‘Toponimia de Agolada’ abre a unha colección que divulgará a memoria da lingua sobre o territorio

O Museo de Pontevedra acolleu hoxe a presentación en rolda de prensa de dúas publicacións sobre toponimia editadas pola Real Academia Galega co apoio da Deputación de Pontevedra. Unha delas, Toponimia de Agolada, abre a colección "Terra Nomeada", un proxecto froito da colaboración entre a RAG e a Asociación Galega de Onomástica (Agon) que será presentado mañá, ás 19 horas, nun acto público nos Pendellos de Agolada. O outro volume, Estudos de Onomástica Galega. Microtoponimia: experiencias de recolla, didáctica e codificación, recolle os relatorios das Xornadas de Onomástica Galega, celebradas o pasado 17 de setembro no Museo de Pontevedra.

Pola esquerda, Xesús Alonso Montero, Luz Méndez, Gonzalo Navaza e Xosé Leal na presentación aos medios das dúas publicacións sobre toponimia. Autor : RAG


Os dous volumes foron presentados nun acto no que interviñeron Luz Méndez, autora de Toponimia de Agolada, membro de AGON, académica correspondente e natural de Agolada; Gonzalo Navaza, representante da AGON; Xesús Alonso Montero, presidente da Real Academia Galega; e Xosé Leal, deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra.

Toponimia de Agolada
A colección "Terra nomeada" pretende achegarlle ao público non especializado de xeito científico pero divulgativo a importancia da nosa toponimia, "un valioso tesouro do patrimonio inmaterial que describe e define o territorio e garda a memoria da lingua, a sociedade e a historia dun pobo", salienta Luz Méndez.

A autora presentará o volume mañá, venres 10 de marzo, ás 19 horas, na Casa Museo dos Pendellos de Agolada, nun acto público no que tamén intervirán Xesús Alonso Montero, Xosé Leal, Gonzalo Navaza, o académico Xesús Ferro, membro do Seminario de Onomástica da RAG, e o alcalde de Agolada, Ramiro Varela Peón. A presentación será amenizada musicalmente por O Bico da Balouta.

O proxecto fíxase estudar e explicar os nomes de todas as entidades poboación dos concellos de Galicia e dos seus principais montes e ríos para, a través deles, devolverlles ós seus habitantes o importante saber que conteñen. "Moitos destes topónimos están documentados desde hai máis de dez séculos pero son aínda máis antigos, de tempos dos cales non temos memoria escrita", concreta a autora de Toponimia de Agolada.

Neste primeiro libro, como se fará nos posteriores, ademais do significado e dunha breve explicación sobre a orixe e evolución das palabras que nomean as localidades de cada municipio, sempre que é posible, achegaranse referencias documentais antigas e poñeranse os topónimos en relación con outros nomes de lugar de Galicia ou do ámbito lingüístico galego-portugués.

Toponimia de Agolada detense nos nomes das 24 parroquias e 163 lugares deste concello pontevedrés. Aínda que con certas particularidades, non se diferencian moito dos doutros puntos do territorio galego. Parte deles refírense á orografía, como O Coto (lugar da parroquia de Artoño); outros, aos recursos hídricos, como O Río ( parroquia de Ventosa); ás plantas, como Reboredo (parroquia de Borraxeiros), que significa carballeira, ou Cebolido (parroquia de Val de Sangorza), que fai referencia a un lugar onde había cebolas; ou a animais, como Velpellós (parroquia de Vilariño), derivado de velpello, raposo, e que posiblemente faga referencia irónica aos primeiros habitantes do lugar.

A zona é ademais particularmente rica en antropotopónimos, nomes de lugares procedentes de nomes de persoas, xeralmente de orixe xermánica. Entre os exemplos que se poden atopar en Agolada figuran Merlín (parroquia de Agolada), Meixide (Borraxeiros) ou Cendoi (Artoño).

Experiencias da Xornada de Onomástica Galega
As experiencias de recolleita de microtopónimos, os nomes de vales, regueiros, montes, penedos, camiños ou fontes, centraron a Xornada de Onomástica Galega que a Real Academia Galega e a Deputación de Pontevedra celebraron o pasado 17 de setembro no Museo de Pontevedra. O programa incluíu máis dunha ducia de achegas que agora poden ser consultadas en Estudos de Onomástica Galega. Microtoponimia: experiencias de recolla, didáctica e codificación. O volume, nunha edición a cargo do académico de número Xesús Ferro, permitirá repasar exemplos de boas prácticas como o da recollida de nomes do mar (talasonimia) en Baiona exposto por Xosé Lois Vilar Pedreira; os proxectos didácticos arredor da toponimia desenvolvidos no IES Félix Muriel de Rianxo, o CPI de Vedra e o IES Pintor Colmeiro de Silleda, expostos por Valentina Formoso Grande, Xulia Marqués Valea e Xoán Carlos García Porral; os labores de recollida e xeorreferenciación da toponimia en Pontevedra, nun traballo asinado por María Abelleira Fontán e Concepción Cochón Rodríguez; ou a achega de Luz Méndez e Gonzalo Navaza sobre como detectar topónimos en fontes documentais dixitais latinas, galegas ou castelás.

"Un orgullo" para a provincia de Pontevedra
O deputado Xosé Leal salientou a acertada elección do formato para "Terra nomeada" e manifestou que é un "orgullo que sexa un concello da provincia de Pontevedra o que inaugure esta colección que terá continuidade con estudos doutros concellos da provincia e do país". O responsable de Cultura da Deputación de Pontevedra lembrou tamén a boa acollida da xornada que deu lugar á publicación Estudos de Onomástica Galega. Microtoponimia: experiencias de recolla, didáctica e codificación e amosou a boa disposición da Deputación de Pontevedra para seguir a colaborar coa RAG.

O presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, felicitou igualmente aos autores dos dous volumes, agradeceu o apoio da Deputación e concluíu reivindicando "o dereito das cousas, das parroquias, dos camiños, a chamárense polo seu nome, non por un falso ou calquera outro", destacou en referencia á toponimia deturpada ou esquecida que traballos como os recollidos nas dúas publicación contribúen a recuperar.