Toponimízate ten dous obxectivos principais: divulgar a riqueza toponímica de Galicia, que fai do país un lugar único no mundo pola insólita abundancia de nomes tradicionais que nomean case palmo a palmo o territorio; e involucrar a poboación de todas as idades e de todos os concellos galegos na recollida e xeolocalización dos microtopónimos aínda non rexistrados empregando a aplicación Galicia Nomeada.
O coordinador técnico da plataforma, o filólogo da RAG Vicente Feijoo, explicaralles ademais ás persoas asistentes a orixe e o significado dos topónimos que designan as parroquias e aldeas de ambos os municipios, unha información elaborada coa colaboración do académico de número Gonzalo Navaza na parte etimolóxica.
Na sesión de Maceda, Vicente Feijoo procurará que o IES San Mamede se sume ao máis de medio cento de centros de ensino que dalgún xeito ou doutro incluíron a recolla toponímica nas súas actividades docentes. A charla estará adaptada ao alumnado e terá un perfil máis didáctico.
En Ponte Caldelas o obxectivo será sumar persoas á tarefa de recuperación da toponimia xa iniciada por diferentes colaboradores, que engadiron arredor de 150 topónimos desde a posta en marcha de Galicia Nomeada, a finais do ano 2019. Con todo, a maior parte do territorio deste concello pontevedrés está aínda sen traballar, polo que se procurará transmitir tamén a urxencia desta tarefa.
Con estas dúas charlas serán xa unha ducia as impartidas nesta nova temporada da campaña Toponimízate. A derradeira sesión será en Narón o 1 de decembro.