‘Queixumes dos pinos’ en construción: tres manuscritos pondalianos para o Día dos Arquivos

O acto de creación literaria é un proceso íntimo e persoal do que normalmente só se coñece o resultado final. Pero grazas á conservación de manuscritos e notas persoais é posible chegar a coñecer diferentes momentos na construción dunha obra. A Real Academia Galega conserva borradores previos, textos revisados e corrixidos e probas de imprenta cos últimos arranxos de distintos autores, entre eles material documental do gran bardo das letras galegas. Co gallo do Día dos Arquivos, a institución pon o foco en tres textos escritos por Eduardo Pondal nos que aparecen motivos desenvolvidos no poemario Queixumes dos pinos (1886). 

1/6

Dende o ano 2005 celébrase cada 9 de xuño o Día Internacional dos Arquivos, unha data instaurada para concienciar sobre a importancia de preservar o patrimonio documental custodiado nos arquivos e facilitar o acceso á comunidade investigadora e á cidadanía en xeral. Os tres textos autógrafos sobre os que se detén no día de hoxe o arquivo da Real Academia Galega son só un exemplo entre moitos da súa importancia para o estudo da cultura e da historia de Galicia.

Os manuscritos de quen foi, xunto a Rosalía de Castro e Curros Enríquez, unha das tres figuras clave do Rexurdimento amosan múltiples versións dunha mesma composición. A maior parte das notas que se conservan constitúen “embrións de poemas, a miúdo indescifrables” e escritos ás présas, salienta Ricardo Carballo Calero na súa Historia da literatura galega contemporánea. “O poeta volvía incesantemente sobre o xa feito. Escribía primeiro rapidamente, deixando brancos onde achaba dificultades. Logo redactaba varias versións dunha frase, até que unha versión o satisfacía”, detalla.

O bergantiñán tendía a encher profusamente coa súa letra follas en xeral de pequeno tamaño, de entre 12 x 9 ata 21 x 14 centímetros. Nelas obsérvanse os principais riscos da súa letra. As liñas do texto, en ocasións, forman ángulo respecto ás marxes da folla ou incluso camban, quizais porque fosen escritas en posicións incómodas ou inestables. Ás veces os papeis vólvense ilexibles pero máis pola tendencia de Pondal a acumular riscados e sobrescritos que polas características propias da letra. Canto aos textos, as variantes superpóñense ou anótanse na marxe das follas, reescritas con leves modulacións.

Os tres manuscritos conservados na RAG que corresponden a versións previas de poemas de Queixumes dos pinos, a grande obra lírica do vate, dan boa conta deste xeito de avanzar cara ao texto definitivo do poeta. Correspóndense a tres composicións breves. O primeiro deles, dispoñible nesta ligazón do Arquivo Dixital de Galicia, é parte das raíces dos versos que na edición de Queixumes dos pinos di así:

Agora, meu corazón,
Agora po-la noitiña,
Pola miñanciña, non.
Ninguén nos pode estorbar...
é ben soparada e soa,
esta gandra de Gundar

O segundo manuscrito correspóndese con estoutros versos:

Os pinos fan doce son.
Nesta doce soedade,
apertas'o corazón.
Non te poñas a tembrar,
menina, non teñas medo,
que ninguén te quer matar...

O terceiro poema, bosquexado dalgún xeito nestoutro documento, foi levado ao prelo así:

Abonda ja d'oración...
Porque de min non te libran
nin Dios nin o demo, non.