'Loitando pola Galicia que non foi' reúne artigos de Francisco Fernández del Riego ciscados en distintas publicacións dunha etapa, a da mocidade antes da guerra civil. Como xorde esta proposta?
Cando fixen, hai uns corenta anos, a miña tese de doutoramento, sobre o nacionalismo galego do primeiro terzo do século XX, atopei unha nova xeración que se incorporou ao nacionalismo a finais dos anos 20 e principios dos 30, conformada polos que eu chamo os nativos nacionalistas, porque son os primeiros que se incorporan á política xa como nacionalistas, non como os fundadores das Irmandades da Fala, nas que cadaquén procedía dun sitio diferentes e acababa no nacionalismo. Entre eses nativos nacionalistas están Ricardo Carballo Calero, Paco del Riego ou mesmo Alexandre Bóveda, aínda que este último fose un pouco maior. E vin que Del Riego tiña unha serie de artigos, case un cento, moi interesantes, porque por un lado neles recolle o legado ideolóxico dos mestres, de Risco, dos Villar Ponte etc., pero tamén introduce matices algo diferentes. Quedei daquela coa idea de que sería moi bo publicalos, pero a miña proposta non tivo boa acollida editorial ata agora, cando co gallo do Día das Letras Galegas que se lle dedica llo propuxen a Galaxia.
Como foi a escolma?
O libro é unha recompilación de case todos os artigos de Paco del Riego dos anos da II República. Recollo algo máis de 80 e tamén algunha conferencia que pronuncia mais o discurso que dá en representación dos estudantes na inauguración do curso 1933-34. Van precedidos por un estudo introdutorio meu sobre a ideoloxía de Paco del Riego neses anos, a súa actividade política como membro, primeiro, da Asociación Nazonalista de Santiago, despois, do Partido Galeguista dende a súa fundación; e mais como líder universitario mentres é estudante de Dereito.
Como definiría vostede ese Fernández del Riego dos primeiros anos 30? Semella que estaba chamado a ser un dirixente político.
Non só un dirixente político senón incluso un ideólogo porque, como digo, introduce no canon ideolóxico, por exemplo no concepto de nación galega de Risco, que é máis etnicista, uns matices máis liberais, de cara á democracia. Paco del Riego é un soñador dunha federación universal de nacións libres. Polo tanto, quere unha nación galega de seu pero ao mesmo tempo aberta ao mundo en todos os sentidos. É tamén un partidario das vangardas artísticas, e aí contradí algo o Castelao de 1921. En fin, é un ideólogo incipiente moi interesante. Todo iso fica truncado pola guerra en 1936.
É o Francisco del Riego deste período o máis descoñecido?
Eu creo que si.
Non foi xustamente valorado o seu papel nestes anos previos á ditadura?
O Paco del Riego de despois da guerra é un persoeiro tan importante para a cultura galega e para o galeguismo que iso ensombrece totalmente o anterior. Tamén lle pasa a Carballo Calero que foi un mozo nacionalista dos anos 30 cun protagonismo político dentro do Partido Galeguista aínda maior que o de Del Riego. Polo tanto, é interesante poñer en primeiro plano os comezos da persoa.
Os artigos dos primeiros anos 30 xa deixan constancia das variadas inquedanzas que tiña don Paco, dende a política á arte e á literatura.
É abraiante a variedade de temas e intereses que aborda. Empeza a escribir estes artigos con só 19 anos e os últimos son de cando tiña 23. Resulta asombroso a cantidade de lecturas que ten, de cousas que sabe e aprende. Pero aínda que nestes artigos se observan as súas inquedanzas culturais, predominan as políticas. Logo pasarían a primeiro plano as culturais, cando as políticas quedaron forzosamente silenciadas pola represión.
En que publicacións periódicas escribiu naqueles anos?
A maioría dos artigos aparecen, por suposto, na prensa nacionalista, en publicacións como A Nosa Terra e Nós, en Alento, a revista que monta Álvaro de las Casas, e tamén en publicacións da emigración como A Fouce. Pero o 40 por cento destes artigos aparecen en El Pueblo Gallego, o xornal centrista de Manuel Portela Valladares, que tiña unha relación de simpatía e colaboración cos nacionalistas e acollía acotío as súas sinaturas.
O Del Riego estudante quería galeguizar a universidade, non só no que atinxía á lingua, senón tamén na preocupación pola realidade do país, e defendía que non fose un privilexio para uns poucos, senón un dereito para todos
Inclúe tamén unha serie de alocucións públicas, entre elas a que pronunciou en nome dos estudantes universitarios na apertura do curso 1933-34 da USC.
Si, están recollidas unha serie de conferencias que impartiu sobre a cultura que logo publica en Nós e mais ese discurso. Está en castelán por imposición oficial da universidade, que o publicou nun folleto en 1934. Neste texto vense as reivindicacións da Federación Universitaria Española (FUE), unha organización estudantil de esquerdas de ámbito estatal pero que naquel momento en Galicia está bastante hexemonizada polos estudantes nacionalistas. Paco del Riego expón no seu discurso a idea que tiñan de universidade os alumnos nacionalistas, moderna e centrada no país.
En claro contraste coa realidade?
Si. Daquela a USC era unha universidade de paso. Os catedráticos comezaban a carreira polos campus da periferia e o destino para os que triunfaban era Madrid, Galicia non lles importaba nada. Por outra banda, a lingua e a cultura galegas estaban absolutamente ausentes. Daquela, á parte de querer galeguizar a universidade, non só no que atinxía á lingua, senón tamén á preocupación pola realidade do país, Del Riego quería unha universidade na que os profesores estivesen máis polo mérito, polo que facían, que por seren funcionarios, e que fose accesible a todas as clases sociais. Xa demostraba nisto o seu esquerdismo dentro do nacionalismo. Dicía textualmente que a universidade non pode ser un privilexio para uns poucos senón un dereito para todos.
Como definiría o seu estilo?
Depende da temática. Se trata temas culturais, ten un estilo, por dicilo dalgún xeito, normal, moi eloxioso con todo o que sexa galego e vangarda. Pero cando escribe textos de tipo político, cando intervén como dirixente das Mocedades Galeguistas, emprega un estilo de arenga para afervoar o receptor.
Deu, de feito, moitos mitins. Non se conservan gravacións súas desa época pero...
Era xa un bo orador, polo visto. Diso temos que falar de oídas.
Que lembranza persoal garda de don Paco?
Era unha persoa encantadora. Coñecino en xaneiro de 1977, no primeiro congreso do PSG, que el presidiu. Despois trateino máis porque gran parte do material da miña tese está na Fundación Penzol, da que era director. Deume toda clase de facilidades. Eu ía polas tardes e el chegaba contra as cinco co seu puro, e alí botaba toda a tarde.