“O mito celta de Manuel Murguía adopta unha dirección europeísta e progresista”

A idea de Galicia foi o eixe da segunda sesión das Xornadas Manuel Murguía. A Real Academia Galega celebrou o encontro, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, no paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia, o edificio onde o intelectual galeguista estudou bacharelato e onde máis tarde exercería o cargo de xefe de terceiro grao do corpo de arquiveiros, bibliotecarios e anticuarios da universidade. O programa contou coas contribucións sobre o autor do politólogo Ramón Máiz e dos historiadores Justo Beramendi e Ramón Villares e rematou coa actuación musical do trío de corda da Orquestra da USC.

1/21

A sesión foi inaugurada polo presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o reitor da USC, Antonio López; e a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso, quen moderou a mesa redonda. Ramón Máiz dedicou á súa intervención ao desenvolvemento do mito celta e a súa funcionalidade política. «O punto de partida da miña análise é que a nación non é algo dado senón que se crea, que se constrúe a partir de diferenzas lingüísticas, culturais e históricas. E os mitos en xeral, coma o galo en Francia e moitos outros que atoparemos en toda Europa, son mitos de ascendencia, de orixe, que teñen unha funcionalidade política», contextualiza o catedrático de Ciencias Políticas da USC. Deste modo, co desenvolvemento do mito da orixe celta do pobo galego, Murguía procurou reforzar non só a idea da existencia dunha comunidade, senón tamén o que se podería chamar «unha decisión de nacionalidade».

«Outro elemento que cómpre destacar é que o mito celta de Murguía adopta unha dirección modernizante e europeísta, progresista, cunha perspectiva politicamente liberal», engade o profesor. A proposta contrapoñíase así á mitoloxía do nacionalismo español conservador e tamén ao mito da idade de ouro medieval que defendía o rexionalismo tradicionalista de Alfredo Brañas, que se enfrontaba á modernidade, ao liberalismo político e ao parlamentarismo, lembra o politólogo. A finalidade última do mito era impugnar a estrutura centralista do Estado español. «Dado que somos unha nación, que temos un pobo distinto, unha cultura distinta, unha lingua distinta, merecemos un autogoberno, esa era a idea», resume Máiz.

Murguía na vida pública: a prensa e a política
O celtismo servía, pois, de apoio ás reclamacións do rexionalismo liberal que liderou Murguía, un rexionalismo que, defende Justo Beramendi, pode considerarse case protonacionalismo. «Murguía é a figura máis importante para a elaboración dos fundamentos do que será despois o discurso nacionalista. O concepto de Galicia nación elabórao el xa na primeira parte da súa Historia de Galicia, de 1865. O seu rexionalismo é case un nacionalismo, protonacionalismo», analiza o catedrático de Historia Contemporánea, que abordou a actividade pública de Murguía na prensa e na política. «Murguía foi durante a maior parte da súa vida un activista da prensa. Aquela organización política ou persoeiro que non tiña un periódico máis ou menos ao seu servizo non era ninguén», sinala.

O profesor Beramendi detívose no discurso que Murguía proxectou dende moi novo a través de medios de comunicación como La Oliva, o xornal fundado en Vigo en 1856 aproveitando a liberdade de prensa do Bienio Progresista, e referiuse á participación do intelectual na Revolución Gloriosa de 1868 como secretario da Junta Revolucionaria de Santiago, a frustrada candidatura progresista ás cortes constituíntes ou o intento da posta en marcha da chamada Unión de Galicia en 1869, outro proxecto que tampouco callou. Máis adiante, de volta en Santiago de Compostela, Murguía sería o presidente da primeira organización política rexionalista, a Asociación Rexionalista Gallega (1890-1892), que se dotou do periódico La Patria Gallega como órgano de expresión, pero que acabou esmorecendo polas diferenzas co sector tradicionalista de Alfredo Brañas; e xa na etapa coruñesa, exercería de mentor principal do cenáculo de rexionalistas liberais coñecido como a Cova Céltica, repasa Justo Beramendi.

O Murguía historiador
As contribucións de Murguía como historiador foron tratadas polo director da Sección de Historia da Real Academia Galega e catedrático emérito de Historia Contemporánea da USC, Ramón Villares, coorganizador das xornadas. «Murguía foi clave na construción dunha historia xeral de Galicia. A súa achega ao campo da historia foi relevante porque modificou radicalmente, fronte aos cultivadores que o precederon, a forma de ver o pasado de Galicia. Aínda sendo un autodidacta, como era frecuente no seu tempo, puido compensar a superior formación positiva de coetáneos, como López Ferreiro ou Villamil y Castro, coas dotes propias da historiografía romántica e liberal da Europa do seu tempo», valora.

A primeira parte da Historia de Galicia de Murguía saíu do prelo en 1865, precedida dun Discurso preliminar que é de abondo para equiparalo cos seus admirados Alexandre Herculano e Jules Michelet, aínda que a súa gran fonte de inspiración foi o historiador francés Agustin Thierry, apunta Ramón Villares. E aínda que o seu gran proxecto como historiador quedou inconcluso (o quinto tomo da Historia de Galicia apareceu incompleto en 1913), este foi a base de toda a súa obra, que desenvolvería logo en libros máis singulares, explica.

O director da Sección de Historia da RAG chama tamén a atención sobre a importancia que Murguía lle deu sempre ao campesiñado, ao que dirixiu numerosas proclamas. «O patriarca sabía para quen escribía e por que o facía, dado que a súa obra, dito con palabras escritas por el en 1901, “nace coa nobre aspiración de escribir acerca do noso país á maneira que os adiantos do século demandan”». Canto ao celtismo, coincide con Máiz en que foi «algo máis ca un resultado historiográfico». «Foi o pedestal no que colocou a idea de Galicia como nacionalidade», conclúe.