“O compromiso de ‘Encrucillada’ co galego é incondicional”

Encrucillada viu a luz por primeira vez nunha casa do barrio ferrolán de Canido en 1977. A revista de pensamento cristián celebra catro décadas de vida en diálogo coa cultura e a realidade social galegas coa monografía As Letras Galegas na Encrucillada, unha recompilación de artigos publicados nas súas páxinas sobre os autores máis destacados da nosa literatura. Os dous volumes que a compoñen serán presentados na Real Academia Galega este venres, 19 de xaneiro, a partir das 19:30 horas, no acto do 40 niversario da publicación. O presidente da Asociación Encrucillada e primeiro director da revista, o teólogo e académico Andrés Torres Queiruga, lembra os tempos nos que xermolou o proxecto e as súas bases, entre elas "o compromiso incondicional coa lingua galega".
A. Torres Queiruga

A monografía especial será presentada nun acto no que o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, acompañará o director e a secretaria da revista, Pedro F. Castelao e Marisa Vidal, e o propio Andrés Torres Queiruga. Fran e Marina amenizarán musicalmente o serán.

Encrucillada naceu, como se explica no limiar da monografía, para tender pontes entre o cristianismo e a cultura galega. E fíxoo nun momento complexo, pouco despois da morte do ditador Francisco Franco. Como lembra aquel contexto?
Era toda unha encrucillada, como di o nome da revista. Naceu, en primeiro lugar, nun momento en que estaba aí o pulo do Concilio Vaticano II, que renovou a conciencia relixiosa na humanidade buscando unha sintonía coa cultura e coas necesidades máis fundamentais dos seres humanos. Por outra banda, estaba tamén o descubrimento, ou redescubrimento, do galeguismo por unha parte máis aberta da Igrexa con persoas da miña xeración, unhas formadas en Comillas, outras tamén en Salamanca e Santiago de Compostela, e finalmente en Roma, onde naceu o "grupo dos Irmandiños". E por último, estaba detrás a Revolución do 68 e a revolución política en España. Todo iso confluíu no intento de crear unha revista que respondera a unha visión cristiá desta nova situación, buscando ante todo un cristianismo renovado e encarnado en Galicia.

O propio contexto en que naceu quizais explique que non se concibise só como unha revista centrada na relixión, na teoloxía, desde a súa ollada cristiá tamén ten abordado temas sociais, culturais, económicos e mesmo políticos.
Exactamente, é que nós non coñecemos a relixión máis que encarnada na cultura e nas necesidades, porque o cristianismo non se dirixe só ao transcendente, senón que é unha transcendencia que busca modificar e transformar a historia para o ben da humanidade. Aí está a raíz dos dereitos humanos e da Revolución francesa: buscar igualdade, liberdade e fraternidade, que son principios totalmente radicais do Evanxeo. Por iso, para termos máis liberdade, quixemos que Encrucillada fose unha asociación civil, para non ter unha tutela nin política nin eclesiástica, senón a dun grupo libre de cristiáns que queren estar ao servizo de Galicia a través do Evanxeo.

Con estes obxectivos, queda claro que ‘Encrucillada' tiña que ser unha revista en galego, non?
Si, iso tamén era evidente. Se cremos nunha relixión que convive coa cultura dun país tamén debe estar escrita no idioma dese país. Isto era para nós prioritario e, de feito, mantivémolo contra vento e marea.

Segue sendo hoxe unha reivindicación, a do uso da lingua galega na Igrexa católica, que cómpre repetir?
Sen dúbida. Naquel momento a Igrexa en conxunto, e agora falo da galega, estaba máis viva do que está hoxe, había máis receptividade. Hoxe na Igrexa a mentalidade galega está máis estendida, pero hai menos entusiasmo, a xerarquía desentendeuse disto e segue claramente desentendida. Polo tanto, esta necesidade [de uso do idioma galego] seguímola sentindo posiblemente con máis intensidade ca daquela.

A monografía que se presentará o venres na Academia é boa proba dese carácter plural nos temas abordados por ‘Encrucillada' do que falabamos. Que imos atopar nas súas páxinas?
O primeiro tomo recompila os artigos publicados en Encrucillada sobre os autores homenaxeados no Día das Letras Galegas desde o nacemento da revista (desde López Ferreiro a Carlos Casares) e o segundo xunta outros artigos sobre autores galegos. Cremos que é unha achega moi bonita á nosa cultura e que merece unha presentación solemne na Academia, dado o noso compromiso incondicional coa lingua e o noso recoñecemento ao labor que está facendo a RAG.


Á esquerda, cuberta do número 1 de Encrucillada. Arriba, a do número 2 e abaixo, o último do ano 2017