The Land of Heart's Desire (1894), traducida como O país da saudade, e Cathleen ni Houlihan (1902), Catuxa de Houlihan, son boa mostra da literatura desenvolvida por Yeats cunha forte pegada do folclore de Irlanda, terra que Antón Villar Ponte cualificaba no prólogo como irmá de Galicia. Plácido Castro salientaba nas mesmas páxinas que estas dúas obras reunían unha serie de aspectos que servían de "leccións de extraordinario valor" para o teatro galego, unha dramaturxia que, aínda non saíra dos "primeiros balbuceios", engadía Villar Ponte.
Fundador das Irmandades da Fala, que fixeron do teatro un dos eixes da súa actividade cultural a prol do idioma e do ideario galeguista, Villar Ponte defendía a representación destas pezas nas "festas populares dos coros que cantan as nosas cántigas", non só como homenaxe a Irlanda, senón tamén "como pórtico ou abrente de vieiros luminosos para o teatro da Galicia que arela xurdir trunfal".
"O teatro irlandés identificouse nos seus comezos co renacimento do esprito céltico e a sua incorporación ao arte mundial. Foi Yeats o máis outo intérprete d-ise esprito e obras suas como ‘Cathleen ni Houlihan' e ‘The Land of Hearts Desire' abriron os ollos, primeiro en Irlanda, e logo no mundo enteiro, â inmensa fonte de riqueza artística que podía xurdir do ‘folk-lore', cando era o seu intérprete un gran poeta", explicaba Plácido Castro. "As obras dramáticas de Yeats, cheas ao mesmo tempo de poesía e de realismo, mataron para sempre ao tradicional ‘irlandés de escenario', cuyo humorismo e simpatía servían de capa para perpetuar, da maneira máis insidiosa, unha falsa interpretación do pobo irlandés. E todos estes aspectos teñen unha relación tan estreita co probrema da evolución do noso propio teatro, que o sucedido en Irlanda fai máis de trinta anos, encerra hoxe para nós leccións de extraordinario valor, que xustificarían a traducción d-istas duas pezas, si non foran xa merescentes de ser coñecidas entre nós pol-o seu propio valor artístico", proseguía.
Catuxa de Houlihan, traducida por Villar Ponte nunha primeira versión, publicárase con anterioridade na revista Nós, no ano 1921, pero o volume compartido c'O país da saudade publicado quince anos despois "constitúe un fito na tradución cara ao galego" pola súa condición de primeiro na historia da cultura galega composto integramente por traducións, destaca Irene Romero en Historia dunha tradución: Plácido Castro, Antón Villar Ponte e dous folc dramas de W. B. Yeats. Nesta análise, a autora subliña que os tradutores trataron de achegar os textos do escritor irlandés á cultura galega, "labor xa en principio facilitado polas características dos orixinais", con situacións e personaxes "que ben poderían pertencer á Galiza rural tradicional".