A lingua

O galego hoxe

A Constitución española de 1978 declara no seu artigo 3 que o galego será lingua oficial na Comunidade Autónoma de Galicia, contendo un mandato de respecto e protección activa da lingua galega.

O Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981 establece, no seu artigo 5, a oficialidade do galego e declara que o galego é a lingua propia de Galicia; contén ademais un mandato aos poderes públicos de potenciación do emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa, dispoñendo os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento e a recuperación de usos, co fin de superar a situación de desprestixio en curso.

A Lei de Normalización Lingüística de Galicia de 1983, aprobada por unanimidade no Parlamento, foi un lóxico desenvolvemento do artigo 5 do Estatuto, que marcaba como obxectivo a normalización da lingua galega. Esta Lei tratou de regular os dereitos lingüísticos dos galegos e o estatus das dúas linguas cooficiais de Galicia.

O Plan Xeral de Normalización de 2004, aprobado por unanimidade no Parlamento, foi elaborado por case 200 especialistas de todos os sectores sociais e recolle máis de 400 medidas concretas que procuran favorecer o uso do galego na sociedade para permitir poder facer vida normal en galego en Galicia. Este Plan pretendeu darlle concreción práctica a moitos dos artigos establecidos na Lei de Normalización de 1983 para procurar estender os usos sociais e públicos do galego: sanidade, mocidade, medios, ensino, administración etc.

Outramente, o galego autóctono de fóra de Galicia ten unha lexislación protectora moito menor ou inexistente: o Estatuto de Autonomía de Castela e León de 2007 establece no seu artigo 5.3 que a lingua galega será obxecto de respecto e protección nas zonas onde sexa lingua habitual. O mesmo se di na Lei da Comarca do Bierzo de 2010. Non é unha declaración de oficialidade, pero é a primeira vez que se recoñece o galego nun estatuto de autonomía diferente do galego. O galego falado en Asturias e Estremadura non son nin citados en cadanseus estatutos, pero en Asturias o galego ten certo recoñecemento (baixo o glotónimo de "galego-asturiano") na Lei de Uso e Protección do Bable/Asturiano de 1998 e o galego de Estremadura (baixo o glotónimo de "A Fala") foi declarado polo seu Parlamento como Ben de Interese Cultural en 2001. Na práctica estes recoñecementos non supoñen ningún grao de protección do galego nestas zonas.

A Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias (Consello de Europa) foi subscrita por España en 1992 e ratificada en 2001, e forma parte do Ordenamento xurídico interno español segundo prevé o artigo 10.2 da Constitución. Este tratado internacional é de gran axuda lexislativa para as linguas minorizadas cooficiais estatutariamente e con leis de normalización, pero é vital para aquelas zonas onde se falan linguas ou variantes que carecen de protección real, pois establece unha serie de dereitos lingüísticos no ensino, na xustiza, na administración, na sanidade, no comercio etc, que non se recollen en leis ou estatutos autonómicos e que, porén, grazas á Carta, son plenamente constitucionais e reivindicables polos falantes.

Por último, todas as declaracións internacionais de dereitos recollen o da non discriminación por razón de lingua e o de conservación da propia lingua no seu territorio natural. Así, a Declaración Universal dos Dereitos Humanos de 1948 (artigo 2.1), a Convención Internacional sobre os dereitos da infancia de 1989 (artigo 17.d, 20.3 e 30) e a Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos (1996).