Zé Paredes responde ao Cuestionario Vidal Bolaño

Zé Paredes, (Guimarães 1972). Actor e director de escena formado en Portugal. No ano de 2001 estrea como actor a obra Mar Revolto de Roberto Vidal Bolaño, unha co-produción luso-galega. Esta experiencia sería decisiva á hora de escoller Galicia como país para vivir, e o teatro galego como obxectivo vital. En 2008 crea con Mónica Camaño a compañía Teatro Nu.
O actor Zé Paredes
O actor Zé Paredes

Que características definen, ao teu parecer, a obra de Vidal Bolaño?
Buscar características definitorias da obra de RVB é como enfrontar a aventura de elaborar unha lista. Que vai primeiro? Que importa máis? A súa enorme imaxinación narrativa que xenialmente transformaba en acción dramática? Os seus enredos tecidos por voces da rúa, a través dunha profunda e aceda observación da sociedade, amosando sempre unha gran curiosidade polos fenómenos do seu tempo? Ou o feito de que escribía as súas pezas desde a xente do común, expoñendo as súas dúbidas e contradicións, e enfrontándose aos poderosos coa coraxe dun revolucionario? Os seus personaxes –sinxelos, complexos, cheos de contradicións, desconcertantes – que dan conta da súa maxistral composición? Personaxes eminentemente humanos, xente coa que un se pode identificar ou que algunha vez vimos pola rúa? Personaxes que están vivos e que seguen pasando ao noso carón todos os días? Todo é destacábel aínda que a min me impresione o enorme compromiso co pobo que demostraba coa súa literatura. Buscaba, coa humildade de artista que o caracterizaba, estimular a conciencia moral, social, cultural, política, histórica, mesmo dunha realidade nacional. E elixiu o teatro como forma privilexiada de activar esa conciencia. El mesmo dicía que era ese o seu obxectivo e se ademais creaba algo de beleza tanto mellor.

Que importancia tivo a súa figura –como autor, director e actor- na constitución do teatro galego moderno?
É xigantesca a responsabilidade de RVB no establecemento do Teatro Profesional galego. O esforzo empezado por el e polos seus compañeiros nos anos 70, foi a sementeira do que actualmente temos: un sistema teatral propio e diferenciado. Sempre foi un voceiro dos traballadores do espectáculo, reclamando a necesaria normalización profesional como forma de acadar un teatro de calidade e a excelencia. Porque Roberto non era só un dramaturgo, a súa acción como construtor do actual sistema teatral non se limita á escrita: actor de gran talento, director de escena rigoroso, iluminador ao servizo das dramaturxias, adaptador respectuoso de importantes autores da nosa literatura como, Daniel Cortezón ou Otero Pedrayo. Roberto Vidal Bolaño foi un home de teatro total que presentou probas fidedignas de que este pobo precisa unha cultura feita á súa medida e que esa mesma caraterística, a podería facer internacional.

Que vixencia conserva a súa obra no contexto actual?
Absoluta vixencia. As obras de calidade nunca perden a vixencia, e mesmo hai pezas ás que o propio devir do tempo fai vixentes. Alén diso, ao trataren de xente sen historia, sempre están actualizadas. A voracidade do poder está por todas partes e en todos os tempos. Cada vez que volvo a Animaliños, penso no carácter premonitorio que tiña con relación cos tempos que estamos a vivir. Roberto era un escritor do "Aquí" e ese territorio segue estando habitado, e mentres o estea, as obras de Roberto seguirán tendo vixencia: do particular nace o universal.