Que características definen, na súa opinión, a obra de Vidal Bolaño?
a) Un alento creativo absolutamente orixinal en cada peza, novo e diferente en cada unha delas, e en cada unha delas, sorprendente, ao tempo que impregnadas da potente marca persoal que Vidal Bolaño imprimía en toda a materia artística que abordaba.
b) Unha ampla e apaixonante galería de personaxes tanto masculinos como femininos, que aportan enorme riqueza á nosa literatura dramática e son desafío e gozo para o traballo interpretativo de actores e actrices, no presente e no futuro.
c) O humor , que era unha característica importante da personalidade do autor, está presente e potente na súa obra; máis un humor amargo, complexo, que é marca notable na maioría dos seus textos.
d) Os seus potentes mundos temáticos –a morte, a liberdade, o fracaso, a emigración, a banalidade e hipocrisía de certos comportamentos na sociedade contemporánea, a manipulación dos feitos históricos, etcétera-, e o seu posicionamento rotundamente crítico co poder xunto coa escrita dun teatro con puntos de referencia concretos situados no noso país, nas súas xentes e nas súas circunstancias determinan un discurso escénico vital e con enorme capacidade de comunicación cos públicos.
Que importancia tivo a súa figura –como autor, director e actor- na constitución do teatro galego moderno?
Non é posible falar do teatro galego contemporáneo sen que a figura de Roberto Vidal Bolaño apareza ocupando un espazo principal en calquera das facetas creativas que conforman a Arte Dramática e que foron materia para a súa acción creativa –autor, actor, iluminador, director de escena--, ou mesmo empresarial -Teatro Antroido, Teatro do Estaribel ou Teatro do Aquí.
Tampouco non pode entenderse o teatro galego contemporáneo sen ter noticia de que houbo unha pléiade de xoves creadores comprometidos coa transformación da realidade cultural deste país, e nomeadamente da súa realidade teatral, que alá pola década dos anos 70 do pasado século decidiu abordar a louca e disparatada aventura de por en pé, en Galicia e no seu idioma, un teatro profesional. Pouco máis dunha ducia de homes e mulleres moi apaixonados e pode que moi inxenuos, seducidos pola arte dramática e comprometidos coas súas orixes, decidiron dar comezo a aquela marabillosa aventura.
Aquela viaxe que deu comezo hai 30 anos fixo posible que neste país florecera a Arte de Talía, que os nosos actores e actrices sexan hoxe valorados en todo o estado e os seus servizos profesionais demandados por produtoras cinematográficas ou de artes escénicas, para participar en producións en toda a Península, e que mesmo nalgúns casos teñan importante proxección internacional. Aquela loucura fixo posible que a literatura dramática galega conte nesta altura cunha importante nómina de dramaturgos de primeiro nivel; que iluminadores escénicos, directores e directoras, actrices e actores galegos acadaran o milagre de ter conquistado un público para o teatro feito no noso idioma e que o encontro entre teatro e cidadanía deixase de ser unha rareza, unha cousa excepcional, un "acto de militancia" para virar en Arte Escénica en diálogo frecuente e natural no noso país. E en toda esa viaxe e nos seus froitos tivo incuestionable protagonismo Vidal Bolaño.
Entre aqueles precursores que entregaron o seu talento, a súa enerxía e o seu compromiso a tan disparatada empresa, figuraba xa no ano 78 RVB, quen como autor, empresario e actor formou parte, coa súa compañía Antroido dos creadores que deron o primeiro paso cara á profesionalización do noso teatro e dos que a mantiveron ao longo de toda a súa vida.
Desde aqueles comezos, e ata o seu falecemento, non deixou Roberto Vidal Bolaño de enriquecer o noso patrimonio coa creación de pezas dramáticas que, tanto polo inxente da súa produción como pola súa calidade dramática e literaria, orixinalidade formal, galería de personaxes, importancia temática ou diversidade estilística. teñen contribuído de maneira principal á evolución do noso teatro, escaso en número de creadores nos anos 70, e pleno, variado e complexo nesta altura.
A evolución formal e mesmo temática da obra de Vidal Bolaño desde os seus comezos nos anos 70 do pasado século ata o momento do seu falecemento deixa noticia da propia evolución do teatro profesional galego nos últimos trinta anos, e tamén da transformación que se foi producindo na sociedade galega nese período, pois que o teatro de Vidal Bolaño non deixou nunca de estar conectado coa realidade social na que se desenvolveu. Xunto co espírito crítico constantemente presente na súa obra, o sentido crítico de Roberto Vidal Bolaño como cidadán e como profesional do teatro foi, tamén, contribuínte de maneira significativa á creación do sentido crítico e comprometido que preside desde os seus inicios a traxectoria da meirande parte da profesión teatral do país.
Que vixencia conserva a súa obra no contexto actual?
A obra de Vidal Bolaño conserva absoluta vixencia formal e temática na súa totalidade., ao igual que conservan vixencia permanente as obras dos grandes autores contemporáneos, falemos de Valle, de Brecht , de Artur Miller ou de Henrik Ibsen, autores que teñen a condición humana e os comportamentos sociais como parte principal dos seus mundos temáticos, e unha estrutura dramática capaz de ser abordada desde propostas escénicas moi variadas.