Xosé Luís Axeitos, á esquerda da imaxe, cos demais intervenientes na mesa redonda organizada pola Biblioteca Nacional. Fonte: Biblioteca Nacional
Xosé Luís Axeitos compartiu mesa redonda con María Campillo, Josu Chueca, Jorge de Hoyos Puente e José Ramón López García, un dos comisarios da exposición O exilio republicano de 1939, oitenta anos despois, que se completa coa programación de actividades que arrincou con esta sesión. O académico participa tamén nesta iniciativa cun dos textos do catálogo da mostra.
Ramón Rey Baltar (Padrón, 1882 – Arxentina, 1969), médico de profesión, estableceuse definitivamente no ano 1914 en Buenos Aires. Na capital porteña saíu á luz en 1939 o seu libro A gaita a falare, a primeira publicación en galego que abordou a traxedia da guerra civil española. O académico profundou na súa intervención nesta obra precursora da poesía civil que máis tarde desenvolverían outros autores como Luís Seoane. Xosé Luís Axeitos dedicou a este último outra recente intervención na Universitat de València, nunhas xornadas sobre as editoriais e os editores do exilio republicano. A súa achega será publicada proximamente na revista de estudos sobre exilios culturais Laberintos.
Xosé Luís Axeitos visitará Granada o vindeiro 27 de novembro para falar dos Seis poemas galegos (Nós, 1935) de Federico García Lorca. A cita será no Museo Casa de los Tiros, onde profundará no diálogo do poeta granadino coa cultura galega. Alén de deterse nestes versos, analizará outros escritos significativos das súas impresións sobre Galicia e evocará as súas amizades galegas, entre as que se encontraba o propio Luís Seoane.