As palabras arredor do libro coas que abrimos esta lembranza do académico están recollidas no catálogo da exposición Exlibris Gallaeciae, da que foi comisario o profesor Barreiro xunto ao tamén académico Xosé Luís Axeitos. No catálogo da mostra, o historiador recorda que a partir do século XV o libro foi o instrumento máis eficaz para espallar as culturas propias e, sobre todo, os saberes que constitúen o fundamento da ciencia actual e dos avances tecnolóxicos. E a continuación predí o futuro dos libros máis antigos fronte ao avance das novas tecnoloxías, das que opina que constitúen “un espectacular avance na socialización da ciencia e da cultura”.
“O libro antigo está condenado a medio prazo a unha musealización, que é sempre o anticipo da sacralización. Dentro de cincuenta ou quizais vinte anos os libros serán unha especie de iconas, ben gardadas, ofrecendo os lombos á distante contemplación das persoas, que perderán un dos praceres máis intensos: tocar o pergameo fatigado que envolve o libro coma un sudario, percorrer cos dedos o papel rugoso de hai centos de anos, contemplar a calimetría perfecta das liñas góticas, percibir o pulso firme ou xa canso dos miniaturistas que iluminan o texto coas letras unciais ou mergullarse nos xeométricos gravados na procura de elementos desconcertantes e máxicos. É o prezo que ten que pagar o avance tecnolóxico”, auguraba.
Xosé Ramón Barreiro deleitábase coa lectura de toda aquela bibliografía, catálogo de libreiro e de almoeda que o podía levar ata os máis raros exemplares, polos que sentía verdadeira devoción. Como estudoso das fontes impresas publicou varias obras arredor do libro, como por exemplo a edición que fixo da obra de Manuel Soto Freire titulada La imprenta en Galicia (Lugo, 1982), na que se encarga da introdución, revisión do texto e notas, ou o traballo publicado en 1983 sobre o impresor Aguayo, co título de Impresores gallegos, Ignacio Aguayo y Aldemunde (1754-1819). Outra obra fundamental é a iniciada por Antonio Odriozola e continuada por el co título de Historia de la imprenta en Galicia (A Coruña, 1992), centrada no labor que desempeñaron nos distintos lugares de Galicia diferentes impresores como Guixard de León, Fraiz, Iguereta, Taxonera ou Compañel, entre outros moitos.
Xosé Ramón Barreiro encargouse así mesmo da edición da obra de Fermín Bouza-Brey titulada A imprenta compostelana : séculos XVI-XIX (Santiago de Compostela, 1993), e foi un grande estudoso da historia das distintas cabeceiras de prensa, en especial das galegas, publicando obras como Catálogo de la colección histórica de prensa de “La Voz de Galicia” (A Coruña, 1996). Todas estas obras do historiador sobre o libro e a imprenta están a disposición do público na Biblioteca da RAG, xunto con outras moitas, unhas oitenta, relacionadas coa súa figura, que quedará sempre entre nós.