Na primeira parte do Boletín figuran os relatorios pronunciados no devandito congreso, onde se abordou a súa obra desde perspectivas diversas: estético-literaria, plástica, lingüística, paisaxística, política ou comunicativa. Ao mesmo tempo, non deixou de atenderse a ningún estadio da súa produción, desde os versos iniciáticos dos anos corenta ata os inéditos e as variantes coñecidas nas publicacións póstumas.
No segundo apartado, publícanse as alocucións que puideron escoitarse o 17 de maio de 2010 no acto central conmemorativo do Día das Letras Galegas, autoría dos membros de número Darío Xohán Cabana, Manuel González, Margarita Ledo e Manuel Rivas. A publicación destas intervencións académicas enlaza cunha fecunda tradición institucional que mantivo sempre un fío condutor doutrinal través dos discursos de Murguía e dos distintos discursos de recepción que se sucederon durante máis de cen anos de historia.
No terceiro apartado, dedicado a traballos de investigación, figuran artigos asinados por Carlos Búa, Rosario Álvarez e Xosé Luís Rodríguez Montederramo e I. Félix Neira.
Por último, a parte dedicada á vida oficial da Academia, contén, entre outras noticias de interese, a necrolóxica do arquiveiro e bibliotecario D. Antonio Gil Merino, a cargo de Lucía Fernández Gil-Merino.
Pode descargarse aquí o Boletín.
Tamén pode consultarse un extracto do congreso en vídeo, ou algunhas imaxes do mesmo.