O programa, coordinado pola director da Sección de Literatura, Marilar, Aleixandre, contará coas intervencións de catro relatores. Karla da Silva, compañeira de Nélida Piñon nos seus últimos vinte anos, achegará a faceta máis persoal da autora. O escritor e crítico literario Antonio Maura afondará na literatura da homenaxeada. Destacado especialista en literatura brasileira e na da homenaxeada en particular, Maura foi ademais o encargado de recibir a doazón da biblioteca da autora ao Instituto Cervantes de Rio de Janeiro, do que foi director. A faceta xornalística centrará o relatorio de Alfonso Armada, exdirector do suplemento ABC Cultural, no que Nélida Piñon mantiña unha columna. A tarde contará tamén co presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, editor da escritora na súa época á fronte de Galaxia. A parte musical correrá a cargo de Boroa.
A épica dun corazón entre o Brasil e Galicia
Filla de nai brasileira de ascendencia galega e pai galego, as raíces familiares de Nélida Piñon sitúanse na parroquia de Borela, no concello pontevedrés de Cotobade, onde viviu entre os dez e os doce anos. “A família regalou-me a majestade da língua portuguesa, a ciência de eu pertencer ao novo continente. E transmitiu-me igualmente a noção de constituir um privilégio originar-me de uma Galícia cuja herança autorizavam-me a reivindicar”, afirmaba no seu discurso de ingreso na RAG, A épica do coração. A autora converteu este legado en material literario e acadou o máximo recoñecemento con A república dos soños (1984), título no que novela a historia da súa propia familia, a crónica da súa emigración desde Galicia ao Brasil, cunha linguaxe innovadora e poética na que abundan os contos e lendas tirados da tradición oral galega.
Nas súa propias palabras, n’A república dos soños pretendeu retratar “o sufrimento e a grandeza do pobo galego dentro e fóra de Galicia”, empregando como perspectiva a memoria silenciada das mulleres. O libro obtivo un recoñecemento inmediato de público e crítica, e foi traducido a numerosas linguas.
Nélida Piñon cultivou dende moi nova a afección pola literatura que lle transmitira o seu avó materno Daniel -Nélida é un anagrama do seu nome- e, tras se titular como xornalista en 1957, en 1961 publicou a súa primeira novela, Guía-mapa de Gabriel Arcanjo (1961). Madeira Feita Cruz (1963), Fundador (1969), A Casa da Paixão (1972), Tebas do meu coração (1974), A força do destino (1977), A doce canção de Caetana (1987), Vozes do deserto (2004) e Um dia chegarei a Sagres (2020) son tamén parte das narracións que publicou ao longo dunha dilatada e fecunda traxectoria.
Escribiu así mesmo ensaios como O presumível coração da América (2002) e Aprendiz de Homero (2008), Premio Casa de Las Américas; cultivou as memorias en Coração Andarilho (2009), O Livro das Horas (2012) e Uma Furtiva Lágrima (2019); explorou a literatura infantil e xuvenil e desenvolveu unha destacada produción xornalística.
Membro de número da Academia Brasileira de Filosofia e da Academia Brasileira de Letras, foi a primeira muller en presidir esta última (1996-1997). Entre outros recoñecementos, mereceu a Medalla Castelao (1992), foi investida doutora honoris causa pola Universidade de Santiago de Compostela (1995) e fíxose co Premio Juan Rulfo (1995) e o Príncipe de Asturias das Letras (2005). No ano 2014 ingresou na RAG como membro de honra nunha cerimonia celebrada na Coruña.
A segunda edición de Voces da narrativa é unha iniciativa da Sección de Literatura da RAG organizada coa colaboración do Concello da Coruña, a Xunta de Galicia e a Fundación Barrié.