Irmandades da Coruña (Arquivo Elvira Varela Bao).
Carlos Nuevo Cal será o encargado de moderar a mesa, titulada Protagonistas (I): Antón Villar Ponte, Xohán Vicente Viqueira e Florencio Vaamonde Lores. O historiador viveirense é coautor da obra O primeiro Antón Villar Ponte (2003), que publicou en colaboración co tamén viveirense Emilio Xosé Ínsua.
Ínsua é ademais autor de Antón Villar Ponte e a Academia Galega (Do Cumio, 2006) e A nosa Terra é nosa! A xeira das Irmandades da Fala (1916-1931) (Baía, 2016), entre outras obras ensaísticas. O investigador repasará na súa intervención, Antón Villar Ponte (1881-1936): un guieiro xeneroso e esforzado, a traxectoria global deste persoeiro, pai das Irmandades, percorrendo as achegas máis destacadas que fixo na política, na literatura, na dramática, na acción cultural e na defensa do idioma galego.
Antón Costa Rico, catedrático de Historia da Educación da Universidade de Santiago de Compostela, participará co relatorio Xohán Vicente Viqueira e o ensino galego. Viqueira (1886-1924), é coñecido sobre todo pola súa resonancia literaria e poética, ou mesmo polas súas contribucións no ámbito dos procesos de normativización da lingua galega. Pero foi tamén profesor, investigador, autor e tradutor de textos nos campos da psicoloxía, a filosofía e a pedagoxía, perfil no que se deterá Costa.
A profesora Isabel Seoane Sánchez, autora dunha tese doutoral sobre a obra de Florencio Vaamonde Lores (1860-1925) e editora da obra poética deste autor - Os calaicos. Mágoas. Follas ao vento (Xerais, 2003)-, profundará nestoutra figura vinculada ás Irmandades da Fala desde os seus inicios.
O ciclo No tempo das Irmandades: fala, escrita é prelos é unha das iniciativas coas que a RAG conmemora o centenario da fundación das Irmandades da Fala, movemento que marcou un antes e un despois no proceso de dignificación da lingua galega. O programa conta coa colaboración de distintas institucións, entre elas o Concello de Viveiro, que organiza da man da Academia a xornada do vindeiro sábado.
A Academia é ademais coorganizadora da exposición Saúde e Terra, irmá(n)s!, que está a levar o legado das Irmandades ás principais localidades de Galicia. Tras exhibirse en Ourense durante o mes de outubro, do 4 ao 27 de novembro poderá verse no Museo Provincial de Lugo.