Pola esquerda, a alcaldesa da Coruña Inés Rey; a tesoureira da RAG, María López-Sández; o secretario de Estado, Arcadi España; e a arquiveira-bibliotecaria, María Dolores Sánchez Palomino
Un momento da visita ás obras da RAG guiada pola xefa de obra, Silvia Bellón
A secretaria xeral de Coordinación Territorial, Miryam Álvarez Páez; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras; e a alcaldesa da Coruña, Inés Rey García, participaron tamén na visita ao histórico edificio, no treito final dos traballos que se realizan baixo a dirección do arquitecto tudense Gonzalo Moure, gañador co concurso licitado polo daquela Ministerio de Fomento.
A rehabilitación da sede da Academia serve de “metáfora da propia lingua, fiel á historia da súa creación, pero aberta e proxectada cara ao futuro”, expresou María López-Sández. “Estrearemos a sede renovada cadrando coa celebración dos 120 anos da institución. Este aniversario, xunto co novo edificio, ten que representar un novo pulo, nun momento en que a lingua, a cidadanía, e en particular a mocidade, así o esixen. Temos por diante o desafío de seguir a celebrar a diversidade lingüística que hoxe se conmemora, a existencia da nosa propia lingua”, engadiu a tesoureira e coordinadora do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega.
Arcadi España referiuse na mesma liña á riqueza que supón poder empregar as linguas cooficiais do Estado “en todos os ámbitos” e reivindicou a convivencia entre elas “fronte aos ataques” que reciben desde certos sectores. “Debemos respectas as distintas linguas que se falan no país e tratalas en pé de igualdade co castelán”, enfatizou o secretario de Estado.
Un vencello íntimo coa Coruña
A tesoureira e a arquiveira bibliotecaria da RAG reiteraron o agradecemento ás institucións que fixeron posible tanto a obra de rehabilitación do pazo do século XVIII que acubilla a entidade como a continuidade da súa actividade cotiá no polígono de Pocomaco e mais a celebración de xornadas abertas ao público en distintos espazos. Un deles é o pazo municipal de María Pita, que está a acoller neste período as sesións plenarias da Academia, e outro a Fundación Luis Seoane, onde teñen lugar moitas das propostas da RAG abertas ao público. “Non podemos esquecer o vencello íntimo da RAG coa cidade da Coruña, berce da nosa corporación e tamén das Irmandades da Fala”, indicou López-Sández.
María Dolores Sánchez Palomino, académica responsable da biblioteca e do arquivo da Academia, lembrou ademais que a institución non é só “a casa da defensa da lingua e da cultura galegas”. Alén deste “ben inmaterial tan importante”, coida dun legado material de gran valor, composto por máis de 60.000 libros, unhas 3.000 publicacións periódicas, máis de 30.000 documentos e unhas 100.000 fotografías.
Celebración no Congreso
Na celebración do Congreso dos Deputados, o Día Europeo das Linguas foi unha ocasión para poñer o foco na importancia da presenza das linguas cooficiais nas redes sociais. O presidente da Real Academia Galega Henrique Monteagudo asistiu ao acto no que María Rúa Rodríguez Prado Rúa, unha das máis destacadas creadoras de contido audiovisual en galego en plataformas como Instagram ou TikTok, participou nunha mesa redonda centrada nos idiomas cooficiais nestes espazos. A creadora compartiu protagonismo co valenciano Cristian Llorens e a madrileña Lucía García Batanero, que relata na Rede o seu proceso de aprendizaxe do éuscaro.