Visita do alumnado do Instituto Argentino Gallego Santiago Apóstol

Por segundo ano consecutivo, o alumnado deste instituto bonaerense visitou a Academia co fin de coñecer mellor as súas instalacións, historia e funcionamento.
Henrique Monteagudo recollendo un agasallo
Henrique Monteagudo recollendo, en nome da Academia, a medalla do Instituto Argentino Gallego Santiago Apósto


O encargado de introducir os estudantes arxentinos na historia e funcionamento da Academia foi o secretario desta institución, Henrique Monteagudo, quen no seu discurso salientou, especialmente, o estreito vencello entre a Academia e a comunidade de emigrantes galegos na América: "Nun primeiro momento, foron os emigrantes galegos na Habana os que, co seu esforzo económico, fixeron posible a posta en marcha da Academia, pero xa a partir dos anos vinte, os galegos establecidos en Bos Aires pasan a ter un papel fundamental no mantemento desta casa. A vosa visita de hoxe exemplifica, dalgún xeito, a continuidade desta estreita colaboración".

A seguir, Henrique Monteagudo informou sobre aspectos referidos á historia social da lingua, a importancia do Día das Letras Galegas na recuperación do galego durante a Ditadura e expuxo, así mesmo, algúns dos contidos accesibles na páxina web da Academia, nomeadamente, o Dicionario, a Hemeroteca e Biblioteca Virtuais, e outros recursos accesibles en liña.

No colofón do acto, e logo de responder as súas preguntas, Henrique Monteagudo recolleu, en nome da Academia, os agasallos dos alumnos do Instituto Argentino Gallego, aos que lle foi entregado, así mesmo, un presente da Academia.

Alumnos do Instituto Santiago Apóstol
Alumnos do Instituto Santiago Apóstol