Vigo acolle o encontro sobre a Reconquista e a Romaría Vikinga das xornadas 'A invención da tradición'

O 28 de marzo de 1809 un alzamento popular converteu Vigo na primeira cidade de Europa en se liberar da ocupación napoleónica. Aquel feito central para que a localidade pasase a ser considerada cidade en vez de vila celébrase dende 1810, aínda que a chamada festa da Reconquista mudou moito dende entón. “A conmemoración deses acontecementos comezou sendo de carácter relixioso e ten que ver con outro fundamental na historia simbólica de Vigo: a Festa do Cristo. En realidade a Reconquista e a Festa do Cristo foron inicialmente a mesma cousa”, explica o historiador Luis Domínguez. O catedrático da Universidade de Vigo repasará este mércores (17:30 h) a evolución desta cita destacada no calendario das festas de recreación histórica na segunda das xornadas A invención da tradición, que a Real Academia Galega celebrará na Casa Galega da Cultura. A mesa redonda contará tamén co xornalista, divulgador e profesor da Universidade de Santiago de Compostela Manuel Gago, que se centrará noutra festa senlleira, a Romaría Vikinga de Catoira. A entrada é libre. As intervencións poderán seguirse tamén en directo nesta web e na canle de Youtube da Academia.

A Sección de Historia da Real Academia Galega organiza estes encontros  co propósito de convidar a reflexionar sobre o que motiva a aparición destas e doutras celebracións que teñen en común a reconstrución de feitos históricos máis ou menos remotos, sobre o proceso social e cultural que as explica o sobre o asentamento e a relevancia que teñen para a proxección da historia no espazo público. O programa coordinado polo seu director, o académico Ramón  Villares, toma prestado o seu nome da expresión popularizada polos historiadores Eric Hobsbawn e Terence Ranger na obra homónima A invención da tradición, editada por primeira vez en 1983 e convertida nun clásico. Os estudosos británicos sinalan nestas páxinas o interese específico que teñen para os historiadores as tradicións inventadas, que “normalmente intentan conectarse cun pasado histórico”.

Canda Luis Domínguez, na sesión de mañá o público poderá escoitar a Manuel Gago expondo as orixes da Romaría Vikinga de Catoira e interpretando os cambios que foi sufrindo dende entón. “Empezou a celebrarse en 1961 a iniciativa dun grupo de intelectuais reunidos arredor do Ateneo do Ullán, entre eles o escritor e tradutor Plácido Castro e mais o sacerdote de Rianxo Faustino Rey Romero”, avanza.

O vicesecretario da RAG, o historiador Lourenzo Fernández Prieto, moderará a mesa, organizada coa colaboración do Concello de Vigo, a Fundación Penzol, a Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. 

A Romaría Vikinga de Catoria. Autor: © César R. Carril