Tribuna

Vicetto, creador da “simbólica” galega

Benito Vicetto (Ferrol, 1824-1878) foi un historiador e sobre todo un escritor de romances históricos que cuñou elementos esenciais para a “renacencia” galega contemporánea. Algo máis vello que Manuel Murguía, cada un deles publicou case no mesmo ano cadansúa Historia de Galicia (1865). Pero ambos entenderon de modo ben distinto o oficio de historiador, o que explica que a súa figura ficase algo esvaída pola sombra do patriarca. Con todo, a conmemoración do segundo centenario do seu nacemento invita a repensar esa imaxe negativa que Vicetto arrastra desde o século XIX e a ler con outros ollos a súa extensa obra. 

Dotado dunha pluma fecunda que se ocupou como autor, alén dos sete volumes da súa Historia de Galicia, da reconstrución romanceada do pasado medieval de Galicia, a obra de Vicetto foi considerada con certo desprezo debido a prexuízos propios do positivismo historiográfico. Malia todo, esta figura debe entenderse no contexto do romantismo histórico e cultural da Europa da primeira metade do século XIX, onde o papel de escritores, historiadores e gramáticos foi decisiva para a creación do que hoxe, con Anne M.Thiesse, denominamos “a creación das identidades nacionais”. 

Benito Vicetto. Fonte: Arquivo da Real Academia Galega

Entre as maiores achegas que fixo á renacencia e á “simbólica” galega deberían subliñarse dúas. A primeira, fixar referentes externos para entender a identidade galega, apelando tanto ao exemplo escocés coma ao catalán e, nomeadamente, ao portugués. Alén da influencia da narrativa de Walter Scott e, por tanto, da evocación da historia escocesa, Vicetto foi o primeiro autor galego do século XIX que tratou de entender o pasado histórico de Galicia en conexión coa cultura e historia de Cataluña e de Portugal. Da fonte catalá recolle a tendencia “reintegracionista” cara ao mundo occitano defendida por Víctor Balaguer e, canto a Portugal, defende a creación do seu reino como unha clave imprescindible para entender o decorrer histórico de Galicia desde o século XII. Neste sentido, máis que mitificar o papel de Portugal ao modo que logo faría Eduardo Pondal, Vicetto considerou a formación do reino de Portugal como un fracaso político de Galicia, ao se arredar da vella Gallaecia a parte bracarense da lucense. Neste debate contenderon con posicións encontradas figuras esenciais da cultura galega do século XX, desde Risco e Otero Pedrayo ata Castelao. 

A segunda achega de Vicetto, talvez a máis importante, foi a conversión da época medieval no teatro preferido para marcar o que el denominou “momentos esenciales para la nacionalidad galaica”. Eses momentos están situados nos séculos IX, XI e XV, nos que sitúa grandes mudanzas da historia galega: a rebelión da nobreza contra a monarquía ástur; o breve reinado de don García e, finalmente, a epopea dos irmandiños onde salienta a impar figura de Pero Pardo de Cela. A través de historias cabaleirescas, Vicetto tentaba non só compor un “diorama dramático de Galicia”, senón ser un escritor que “escribe de Galicia para Galicia”. A obra máis coñecida e de maior influencia foi, sen dúbida, Los hidalgos de Monforte, editada por primeira vez en 1851 e que mereceu sucesivas reedicións, mesmo na Galicia americana. Dela proceden algúns dos símbolos máis poderosos da cultura galega contemporánea, tanto a propia figura de Pardo de Cela -cuxo día da morte foi temporalmente instituído na emigración como Día Nacional de Galicia- coma o berro irmandiño Deus fratresque Gallaeciae, que condensa a perda das “libertades de Galicia” e o comezo da súa dependencia política exterior. 

A descuberta do papel de Vicetto foi obra dos intelectuais das Irmandades da Fala e da xeración Nós, que viron na súa obra algo que os seus coetáneos non viran. Así se explica que Antón Villar Ponte o considerase con xustiza un “Walter Scott” da cultura galega e que Vicente Risco recoñecese explicitamente que a "simbólica" do Rexurdimento comezara realmente coa figura de Vicetto. !Cantas das cousas que hoxe decimos nós non as dixo xa Vicetto n-aquil tempo!, exclamaría Vicente Risco no seu ensaio “Vicetto ou o romantismo”, publicado na revista Nós en 1928. Outro tanto podemos proclamar nos días de hoxe. 
 

Ramón Villares
Académico de número e director da Sección de Historia da RAG