Versos que anticipan o San Xoán para celebrar o Día dos Arquivos

Cada 9 de xuño, dende 2008, celébrase o Día Internacional dos Arquivos, unha data instaurada para concienciármonos sobre a importancia de preservar o patrimonio documental custodiado nos arquivos e facilitar o seu acceso á comunidade investigadora e á cidadanía en xeral. O arquivo da Real Academia Galega súmase á celebración anticipándose ao San Xoán, unha das festas que gozan de máis arraigamento no folclore galego. E faino deténdose no fondo dos irmáns De la Iglesia, un dos máis relevantes de todos os que custodia a institución, onde se atopan poemas manuscritos sobre a festa da noite do 23 de xuño e do propio día de San Xoán.

Fragmento do poema “Alborada de San Joan”, no arquivo da RAG

O 24 de xuño celébrase a natividade de Xoán Bautista, O Precursor, chamado así porque anunciaba seis meses despois do seu nacemento a chegada do salvador Xesús, tal e como lle conta o anxo san Gabriel a Zacarías, pai de Xóan. Por este motivo é o único santo católico do que se celebra o seu nacemento e non o seu pasamento. Habería que engadirlle, segundo algúns textos apócrifos, que esta “anunciación primixenia” veu acompañada do prendido dunhas lumaradas. Por outra banda, xúntase tamén a celebración do santo con outras tradicións primitivas e cosmogónicas, relacionadas cos solsticios e equinoccios: a rexeneración cósmica a través do lume, a auga como elemento purificador, renovación agrícola, mingua e crescendo do Sol...

Estes feitos dan lugar a unha das tradicións máis ricas de Galicia, a dun día que conta con moitos e diferentes xeitos de celebralo: lumaradas e cacharelas, bailes e xogos, herbas e rosada, flores e ramos, conxuros e meigas... unha longa listaxe ben coñecida por todos.

No prolífico fondo dos irmáns De la Iglesia, que se nutriu das doazóns realizadas por Eladia de la Iglesia e María Rosa Saurin de la Iglesia dende os anos 40 do século pasado ata 2019, atópanse varias mostras desta riqueza. Entre elas, figura un fragmento do poema “Alborada de San Joan”, dispoñible en copia dixital no Arquivo Dixital de Galicia, onde a RAG ofrece milleiros de documentos dixitalizados a toda a comunidade investigadora e calquera persoa interesada. O seu autor é un dos membros desta familia, Antonio, fundador e director da Escola Normal da Coruña (1845), e da de Santiago de Compostela (1849), ademais de inspector de primaria de 1851 ata 1868. Á parte da súa actividade como docente, destacou polo seu labor como editor e escritor: fundou, dirixiu e colaborou en numerosos xornais, nos que publicou estudos históricos, literarios e lingüísticos sobre Galicia e o galego, xunto con poemas e contos en galego e castelán.

Fragmento do poema de Felipe Pérez no arquivo da RAG

No mesmo fondo consérvase outro poema sobre a noite de San Xoán, asinado por Felipe Pérez, tamén dispoñible en Galiciana. O texto foi remitido dende Cuba, en xuño de 1862, a Antonio de la Iglesia, que durante a súa vida completou unha colección notable de manuscritos e recortes de prensa con poesías de autores galegos, o que explicaría o porqué do envío deste poema. A propia orixe do documento é unha peculiaridade engadida, xa que o autor, emigrado en Matanza, escribe estes versos dende a morriña e a saudade que lle produce estar lonxe da súa terra galega. Dende alí describe con moita tristura un día sinalado no calendario da súa parroquia nun poema no que conflúen dous feitos diferenciais da cultura galega: os seus ricos e profundos costumes e o carácter migrante dos seus habitantes.