Versos inéditos na mesa sobre a poesía no tempo das Irmandades da Fala

Os versos de dous poemas inéditos de Euxenio Montes e Xavier Pardo Bedía escoitáronse onte na mesa de debate sobre as Irmandades da Fala que a Real Academia Galega organizou en Vigo dentro do ciclo No tempo das Irmandades: fala, escrita e prelos. O académico Xosé Luís Axeitos presentou estas composicións como exemplo da importancia do atlantismo na poesía da época nun encontro centrado precisamente na lírica no que Chus Nogueira achegou unha mirada crítica desde a historiografía, Xosé Ramón Pena se detivo no traballo a prol da creación dunha estética nacional e Miro Villar reivindicou devolver a figura de Gonzalo López Abente á posición central que ocupara en vida.

Pola esquerda, Xosé Ramón Pena, Xosé Luís Axeitos, Chus Nogueira e Miro Villar. Autor: RAG


Ademais de presentar os convidados, Xosé Luís Axeitos falou brevemente, nesta mesa celebrada co apoio da Deputación de Lugo, do atlantismo na poesía do tempo das Irmandades, un dos conceptos básicos e vertebradores da teoría política nacionalista de Vicente Risco e do grupo Nós. Para perfilar a doutrina do atlantismo, presenza dunha corrente céltica común entre os pobos bretón, normando, irlandés e galego, a revista Nós dedicou en distintos números espazos xenerosos á denominada "cuestión irlandesa", con traducións de Yeats e Joyce, artigos de Otero Pedrayo ou un monográfico con poemas de Cabanillas e Taibo. O tema foi obxecto de debate nos faladoiros da época e tratado en numerosas conferencias. "Mesmo se pode dicir que esta teoría do atlantismo é diferenciadora do grupo ourensán, máis conceptual e académico, a respecto doutras agrupacións", engade.

Como proba da importancia do atlantismo na poesía das Irmandades, Xosé Luís Axeitos presentou un poema inédito de Euxenio Montes, dedicado a Manuel Antonio, e outro nunca saído do prelo de Xavier Pardo Bedía. Ambas as dúas composicións serán publicadas por primeira vez na edición que se fará dos relatorios do ciclo No tempo das Irmandades: fala, escrita e prelos.

Deseguido, a profesora da Universidade de Santiago de Compostela Chus Nogueira foi a encargada de levar a cabo unha revisión crítica de como a produción poética da época foi abordada nas historias da literatura a través de autores como Ricardo Carballo Calero, Xosé Luís Méndez Ferrín, Francisco Rodríguez, Anxo Tarrío, Dolores Vilavedra ou Xosé Ramón Pena. A especialista concluíu que nas distintas propostas se reflicten "as tensións que xa se deron no seo das Irmandades da Fala, con escollas que priorizan o político e outras o feito cultural". Ao seu xuízo, evidéncianse tamén os problemas que ás veces xorden polo "excesivo detalle" na identificación de promocións e grupos e advertiu que, se ben as diversas achegas historiográficas implican visibilidade para parte dos autores, tamén gardan relación co feito de que aqueles de ubicación difícil ou interxeracional quedasen "en zonas de sombra" e que tardasen en seren recoñecidos e editados.

Xosé Ramón Pena defendeu neste sentido que a historia da literatura é parte do relato da historia xeral e que con frecuencia os acontecementos artístico-literarios adiantan os sociopolíticos. O seu relatorio centrouse na achega "decisiva" dos membros das Irmandades respecto da conformación da lírica galega do século XX. "Se houbese que procurar un apartado único, un episodio central no labor da organización irmandiña, ese ten que ser, con toda certeza, o da procura dunha estética nacional. Unha procura, polo demais, que non só afecta ao eido poético, senón aínda a esoutros da prosa de ficción, do teatro...", salientou. Acadar a soberanía estética da nación galega foi, de feito, un dos apartados da I Asemblea Nacionalista.

De acordo con dito mandato, os principais líderes das Irmandades buscaron con afán conformar a soberanía nacional no espazo das artes, pero tamén nestoutro das letras. "Mediante numerosos artigos publicados en xornais e revistas, Antón Villar Ponte traballou arreo nesa dirección que buscaba una perfecta síntese entre a tradición e a modernidade; entre a enxebreza e os novos xeitos vidos de Europa. Villar Ponte creu atopar o home e mais o modelo: tratouse de Ramón Cabanillas. Así pois, sen dúbida, o poeta arelado veuse transformar no intérprete ideal para a conformación da estética irmandiña. Ou, simplemente, no poeta", sintetizou Xosé Ramón Pena.

Sobre outro escritor da época, Gonzalo López Abente (Muxía, 1878-1963), e a súa relación coas Irmandades falou Miro Villar, quen, referíndose tamén á análise de Chus Nogueira, reivindicou "sacar da zona de sombra un poeta que na súa época estaba no centro, e non na periferia como está hoxe". O mellor poeta do mar, como o cualificou Risco, participou nas Irmandades desde o seu inicio e responsabilizouse da posta en marcha dunha delegación en Muxía, constituída en 1918. Se ben esta non desenvolveu moita actividade, "espallou pola Costa da Morte o ideario da organización galeguista", salientou Miro Villar, que lembrou tamén que López Abente puxo a súa literatura ao servizo dos obxectivos do ideario das Irmandades.

Desde o primeiro momento, a súa sinatura estivo presente no seu voceiro oficial, A Nosa Terra, en cuxas páxinas publicou moitos poemas. Entre eles, o crítico literario detívose en "O piñeiro derrubado", un dos que escribiu como homenaxe a Lois Porteiro Garea tras o seu pasamento.

Alén da creación literaria, o seu activismo cultural concretouse coa súa entrada no Seminario de Estudos Galegos, xunto con Cabanillas, Noriega Varela e Victoriano Taibo, nunha cerimonia na que interveu cunha lectura de poemas, repasou Miro Villar, que recordou deseguido o período da ditadura de Primo de Rivera, tempo de refuxio na literatura; o recoñecemento dos seus colegas, que o elixiron presidente da acabada de nacer Asociación de Escritores de Galicia, en marzo de 1936; a participación na campaña a prol do Estatuto de Autonomía e a depuración laboral que sufriu tras a sublevación militar, que o afastou do seu traballo e de calquera actividade pública. O franquismo silenciouno durante varios anos e, coma outros galeguistas, volveu refuxiarse na creación literaria.

Membro da Real Academia Galega, López Abente protagonizou o Día das Letras Galegas de 1971, una data que, valorou, non axudou ao seu recoñecemento posterior, xa que naqueles anos non se promovían aínda os profundos estudos que hoxe emerxen arredor desta celebración. Desde 2011, a Fundación Gonzalo López Abente traballa para divulgar a súa obra.