Versos e música para conmemorar un século de ‘Vento mareiro’

Vento mareiro foi o poemario que puxo ao día a poesía galega a comezos do século XX, o que permitiu respirar tranquilos a quen temían que o Rexurdimento que tanto custara erguer se viñera abaixo. Por iso o centenario da publicación desta obra non podía pasar desapercibido, salienta o académico Francisco Fernández Rei, cambadés como Ramón Cabanillas, nado en 1876 e finado tal día coma hoxe, o 9 de novembro de 1959.

Augada de Castelao que serviu de base para ilustrar a cuberta da
segunda edición de Vento mareiro, aparecida en 1921


Cambados iniciou a semana pasada unha serie de actividades para conmemorar os cen anos da obra que rematarán o vindeiro sábado, 14 de novembro, cun acto organizado pola Real Academia Galega coa colaboración do Concello. A xornada desenvolverase a partir das 19.30 horas no Auditorio da Xuventude, na vila á que Cabanillas lle dedicou Vento mareiro. A música, da man de Xaquín Xesteira, acompañará o recitado de versos a cargo dos académicos Salvador García-Bodaño, Fina Casalderrey e Margarita Ledo.

Haberá ademais tres relatorios. Un deles será o do presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, que falará da presenza de Fontenla Leal en Vento mareiro e No desterro, o primeiro poemario de Cabanillas, editado en 1913 tamén na emigración na Habana. O profesor e investigador Emilio Insua abordará a relación entre Cabanillas e as Irmandades da Fala (cuxo centenario se celebrará en 2016) e o académico Francisco Fernández Rei pronunciará un relatorio titulado Cabanillas, Cambados e o vento mareiro.

Fernández Rei abriu a pasada semana o programa de actos do centenario de Vento mareiro coa presentación do libro Ramón Cabanillas, Cambados e o mar da Arousa (Xerais), unha escolma de 30 textos nos que o poeta está presente dun xeito ou doutro. Esta tarde, coincidindo co seu cabodano, colouse unha placa na casa da rúa do Hospital, onde Cabanillas pasou os derradeiros días, e a partir das 20 horas o Auditorio Xuventude acollerá outro acto cheo de música e poesía do autor. Unha conferencia de Esperanza Mariño sobre a visión da muller na poesía de Cabanillas, o xoves; e a inauguración dunha exposición de fotografías sobre Vento mareiro, o venres, precederán tamén a homenaxe organizada pola Real Academia Galega, institución na que Cabanillas ingresou en 1920.

Libro dun grande eclecticismo e sincretismo, neste poemario danse as direccións que vai trazando a poesía de Cabanillas: lirismo sentimental, costumismo, modernismo e civismo, salientou no limiar da súa edición de Vento mareiro (Xerais, 1995) Ramiro Fonte, quen definiu ao de Cambados como o "poeta necesario" no seu momento. Foi tamén, en palabras de Carballo Calero, un poeta total, no que o esteticismo sempre estivo ao servizo do galeguismo. Un creador, en definitiva, que merece un lugar especial na historia das letras galegas.