Tribuna

'Vento ferido' (1967): a revelación dun narrador

"Iste libro de Carlos Casares, Vento ferido, rematouse de imprentar nos Talleres gráficos de Faro de Vigo, o día 10 de febreiro de 1967". Así reza o colofón do primeiro libro publicado por Carlos Casares, daquela estudante universitario en Compostela, na colección "Illa nova" da Editorial Galaxia. Unha colección que fora inaugurada dez anos atrás coa peza teatral Vieiro choído, de Xosé Luís Franco Grande, e o poemario Do sulco, de Xohana Torres, e que incluía no seu catálogo autores tan representativos da renovación da literatura galega naquel tempo como Méndez Ferrín (Percival e outras historias, O crespúsculo e as formigas e Arrabaldo do norte), Bernardino Graña (Vinte mil pesos crime) ou María Xosé Queizán (A orella no buraco), entre outros. A publicación de Vento ferido, fai exactamente cincuenta anos, foi todo un acontecemento en Compostela, cidade axitada naqueles meses por unha vagada de conflitividade estudantil que evidenciaba o pulo do movemento universitario antifranquista. Un movemento dentro do cal salientaba Carlos Casares, activista da Asociación Democrática de Estudantes, que por causa da súa implicación era detido por presentar unha conferencia de José L. López Araguren no Burgo das Nacións (19 de xaneiro) –detención que provocou unha concentración estudantil ás portas da comisaría de policía– e que, quince días antes de que a súa obra prima viñese a lume (28 de xaneiro), aparecía citado nos informes policiais por encabezar accións de protesta na rúa, tal como recolle o historiador Ricardo Gurriarán na súa obra Inmunda escoria. Poucos meses despois, un 9 de maio, realizaríase no estadio da Residencia o recital do cantante Raimon, todo un fito na historia da oposición universitaria contra o franquismo, no que Carlos Casares xogou tamén un papel protagonista, xa que se encargou da tradución ao galego, xunto ao poeta Salvador García-Bodaño, das letras do cantautor valenciano, que foron editadas nun fermoso folleto que coñeceu unha ampla difusión, tal como contaremos noutra ocasión nunha Tribuna.

O eco acadado por Vento ferido explícase mellor naquel ambiente revoltado da Universidade compostelá, que viviu o seu propio "maio 68" cun ano de antecedencia a París e o resto do mundo, e no que a promoción daquel libriño aparecía case como un elemento emblemático da explosiva mobilización do estudantado. Relembra a profesora Camiño Noia, compañeira de curso do novel escritor: "Daqueles anos de ilusións e de esperanza conservo moitas vivencias en común con Carlos: a chegada a Santiago do primeiro paquete de libros de Vento ferido, o escaparate da libraría Porto dedicado ao libro, a presentación na Facultade...". Xavier Carro, un dos seus mellores amigos daqueles anos en Compostela, que foi testemuña da xénese do libro, lembra "como Carlos fuxía das sombras e frientas pensións e buscaba refuxio e agarimo para aquelas tardes interminables na miña casa. Alí, entre libros e conversas, viamos dende a miña habitación como as horas grises esvaraban aéreas e tristeiras polos tellados da Rúa Nova". Carro, que foi o primeiro comentarista da obra no mítico xornal La Noche, albiscou "a importancia que ían ter aquelas narracións para a nosa literatura", subliñando "a estrutura case poemática da narración, a sinxeleza e limpidez da prosa e a lírica interiorización da realidade. Perfilábase un escritor dotado duns extraordinarios dotes creativos, que sabía construír o relato de xeito moi equilibrado". En efecto, xa nesta obra, Casares se revela como un escritor cunha potente personalidade propia, fondamente orixinal e mesmo atípico. Vento ferido foi, abofé, unha revelación, e así mesmo o viron os seus coetáneos.

Aínda que a obra fora autorizada pola censura previa, unha denuncia presentada por un militar residente en Pontevedra motivou o seu secuestro por orde gobernativa, o que obrigaba a retirala das librarías. Así e todo, o libro vendíase nas trastendas con tanto éxito que foi obxecto dunha segunda edición, clandestina, para non ter que volver someterse ás forcas caudinas da censura. A arriscada decisión de imprimir a edición clandestina foi de Paco del Riego. Aínda que a súa obra primeiriña comparte as arelas renovadoras da chamada "nova narrativa" galega, que se viña dando a coñecer precisamente a través da colección "Illa Nova", apártase daquela, entre outros, en dous aspectos que caracterizarán moi marcadamente a escrita do noso autor: a recreación de mundos recoñecibles, próximos e concretos (e non fantásticos ou simbólicos), e a vontade de saír dun círculo reducido de lectores militantes para achegarse a un público amplo. Vento ferido continúa a ser unha das obras preferidas para moitos lectores e lectoras da obra de Casares, ata o punto de que coñeceu once edicións nos trinta anos seguintes á súa publicación, o cal é todo un índice da súa popularidade, que sorprende aínda máis se se ten en conta que se trata dunha opera prima. A coincidencia dos cincuenta anos da publicación deste fito na obra de Casares e na narrativa galega do século XX co ano das Letras Galegas dedicado ao seu autor constitúe, por tanto, unha feliz casualidade, merecente, ao menos, dunha lembranza.

Henrique Monteagudo
Membro de número da Academia