Víctor F. Freixanes conclúe a súa etapa como presidente da Real Academia Galega

Víctor F. Freixanes rematou a súa etapa como presidente da Real Academia Galega tras completar oito anos á fronte da institución. O académico formalizou a conclusión do seu segundo mandato ante os membros do Plenario na xuntanza ordinaria celebrada na tarde de onte no pazo de María Pita. Con este paso comeza o proceso que conducirá á elección da nova comisión executiva da Academia.

De acordo coa normativa da institución, entrementres ocupará interinamente a presidencia a secretaria, Margarita Ledo Andión, a quen lle corresponde poñer en marcha o proceso electoral. Os estatutos da Academia establecen un período non superior a tres mes para a elección da nova comisión executiva.

A candidatura ou candidaturas á presidencia da RAG que poidan concretarse deben ser presentadas por tres membros de número da institución. Para facelo disporase dun prazo que remata 48 horas antes da data que se fixe para o desenvolvemento do pleno extraordinario de elección.

Víctor F. Freixanes, no centro da imaxe, coa secretaria da RAG, Margarita Ledo. Fonte: RAG

Os membros do pleno na xuntanza celebrada no pazo de María Pita. Fonte: RAG