Debuxo dun dos pozos do Pico Sacro recollido nas páxinas do Semanario instructivo
Un dos artigos máis curiosos incluídos nas páxinas do Semanario instructivo é aquel no que se describe unha excursión ao famoso Pico Sacro situado no concello de Boqueixón, a poucos quilómetros de Santiago de Compostela. Publicado no número 4 dese periódico compostelán, que leva data do 23 de marzo de 1838, o traballo está asinado unicamente coas iniciais S. O. e contén a narración dunha visita ao coñecido monte realizada por catro amigos, sendo presuntamente o propio narrador un deses visitantes. A pesar de ocupar só dúas páxinas, a súa contribución resulta ser unha singular mestura de descrición xeográfica, de relato de aventuras e de reflexión verbo das crenzas populares.
Pode acceder aquí ás páxinas do Semanario instructivo.
Após unha curta introdución xeográfica na que se dá conta da localización e da forma do monte, o artigo pasa deseguido a tratar a cuestión das tradicións populares, dado que ao Pico Sacro adoito se lle ten asignado un rico folclore que o relaciona con lendas de mouros e con historias acerca da raíña Lupa e do Apóstolo Santiago. En concreto, o autor menciona aquelas tradicións que vían no monte unha habitación dos mouros e un lugar que agochaba riquezas encantadas ou onde acontecían estraños prodixios, pois era alí onde se formaban os tronos e cara a el voaban os froitos das colleitas levados por rodopíos de vento. Porén, semella case inevitable que alguén que escribía para unha publicación "ilustrada" como era o Semanario instructivo tiña que considerar "absurdas" ese tipo de lendas, malia recoñecer que se trataba de crenzas espalladas por toda a face da Terra. Mais iso non era un atranco para que, nas liñas seguintes, incluíse un conto fantástico relativamente extenso acerca da orixe do Pico Sacro protagonizado por un antigo rei galego e un poderoso mago (claramente un relato de procedencia erudita). Podemos percibir aquí como a mentalidade "ilustrada" do autor, que consideraba ridículas as supersticións populares, se combinaba con certo engado ou interese por elas, o que talvez sexa un indicio de novas actitudes -que poderiamos cualificar de "románticas"- respecto da cultura popular.
O restante do artigo fai mención dos vestixios de construcións que daquela existían no cume do monte e continúa a referir o recoñecemento dun dos pozos do Pico Sacro que fixeron os visitantes no decurso dunha arriscada exploración subterránea, que foi en parte expedición científica (coa extracción de mostras xeolóxicas das paredes do pozo), e en parte experiencia de aventuras. Finalizado sen incidentes ese recoñecemento, unha última sorpresa agardaba aos excursionistas cando chegaron á aba do monte, onde un grupo de labregos armados de mocas retivo os visitantes forasteiros por coidar que estes eran "amigos de los encantadores", é dicir, cómplices dos encantos que vivían no Pico. Os desconfiados paisanos confiscáronlles aos forasteiros as mostras que recolleran, quizais coa esperanza de que fosen tesouros, e mantivéronos detidos ata que lograron identificalos grazas a unha persoa que os recoñeceu. E así os catro amigos recobraron a súa liberdade entre murmuracións dos paisanos e alusións a encantos e encantamentos, dando por rematada a excursión, un chisco accidentada, ao Pico Sacro.
Non hai dúbida de que a maior parte do relato estaba artellado en termos dunha oposición -a miúdo explícita- entre as "ridículas" crenzas populares sobre mouros e encantos, e os coñecementos "ilustrados" baseados na razón e na observación. Unha oposición que estivo a piques de se trocar en enfrontamento no episodio final da visita. Por suposto que o que se acaba impondo na narración é a voz autorizada da "ilustración" que desde as páxinas do Semanario instructivo critica e implicitamente ridiculiza as supersticións populares. Parece escoitarse aquí o eco das censuras de Feixoo e de Sarmiento -sobranceiros representantes galegos do Século das Luces- contra as supersticións dos seus paisanos, a pesar de que o responsable do artigo non agocha a súa curiosidade polas lendas e tradicións que rodeaban o monte. De feito, el mesmo confesa que esas historias foran un dos estímulos que serviron de incentivo para que os catro amigos decidisen recoñecer o lugar. E non foron os únicos. Outros antes ca eles visitaron o Pico e arriscáronse a explorar os pozos. Coñecemos, por exemplo, dúas relacións de senllas visitas realizadas no século XVII, unha en 1649 e outra en 1698, esta última efectuada polo xesuíta ourensán Juan Álvarez Soutelo. E seguramente houbo moitas outras, anteriores e posteriores, das que non quedaron noticias.
Mais, a que se debe esa permanente curiosidade polo monte de Boqueixón? Sen dúbida a presenza duns misteriosos pozos e as abondosas tradicións de mouros e encantos contribuíron a fomentar ese engado, como acabamos de comprobar na relación contida no Semanario instructivo. Pero tamén cómpre termos en conta que o Pico Sacro se foi configurando ao longo do tempo como un importante "lugar de memoria" do noso país. Principalmente a causa do seu vencello coa lenda xacobea, xa que desde a Idade Media se quixo identificar o Pico co Monte Ilicino mencionado na lenda referida ao traslado do corpo do apóstolo Santiago. Lembremos que o Monte Ilicino era o escenario onde os discípulos do apóstolo aniquilaron un dragón e expulsaron os demos que representaban o paganismo, e que despois consagraron o lugar ao culto cristián. Por ese motivo, dicía a lenda, o monte pasara a se denominar Pico Sacro. Este episodio será repetido unha e outra vez na literatura de temática xacobea e na historiografía galega, garantíndolle desta maneira ao monte compostelán unha posición senlleira dentro do noso imaxinario histórico. Esa posición reforzouse ademais mediante a identificación do Pico con outro monte coñecido na Antigüidade: o sacer mons (monte sagrado), localizado nun lugar indeterminado da Gallæcia polo escritor latino Xustino, e do cal se dicía que era moi rico en ouro, pero que este prezado metal non se podía extraer del a menos que a caída dun raio o sacase á luz. Xa que logo, grazas a esta dupla identificación con dous montes lendarios, o Pico Sacro converteuse nun "lugar de memoria" que durante moito tempo espertou o interese das persoas letradas, consonte testemuña a visita rexistrada no Semanario instructivo. Certamente a poboación rural continuou considerándoo escenario privilexiado das accións de mouros e de encantos, como puido comprobar persoalmente o autor do artigo que acabamos de comentar no presente destaque.
Anos máis tarde, os irmáns Antonio e Francisco Mª de la Iglesia inspiraríanse nas tradicións populares relacionadas co monte para publicar en 1860 O Vello do Pico-Sagro, a primeira publicación periódica escrita integramente no noso idioma.