Unha praza para Emilia Pardo Bazán

Marineda City homenaxea desde a súa apertura a Emilia Pardo Bazán no propio nome que leva, a Marineda inventada pola escritora para se referir á Coruña nas súas novelas. Pero desde hoxe o nome da escritora é tamén o da praza situada na planta baixa do interior do centro comercial, inaugurada este mediodía no marco do acordo de colaboración entre a Real Academia Galega, a través da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, e este espazo comercial para difundir a figura e a obra de quen foi unha das escritoras europeas máis destacadas do seu tempo.

Na celebración presentouse un libriño editado para a ocasión que escolma oito contos da autora protagonizados por mulleres, ás que lles deron vida outras tantas actrices. "Con esta obra queremos homenaxear a autora como a adiantada ao seu tempo que foi, e que hoxe segue a facernos reflexionar sobre a situación da muller, na que sen dúbida avanzamos, pero aínda queda camiño por percorrer", salientou a xerente de Marineda City, Ana López.

A conservadora da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, Xulia Santiso, salientou tamén o carácter pioneiro da intelectual. "Foi unha muller fóra do seu tempo e gañou por dereito propio un lugar no cumio da intelectualidade ilustrada do século XIX", expresou. Unha das institucións que recoñeceu a súa relevancia foi a Real Academia Galega desde a súa fundación, que a nomeou presidenta honoraria o ano da súa fundación, en 1906. "Este feito que deu lugar a que a súa derradeira herdeira doase a residencia familiar da rúa Tabernas como sede da RAG", explicou. O inmoble acolle tamén a casa-museo da escritora.