A correspondencia cun dos seus grandes amigos, Ramón Otero Pedrayo, foi o eixe da intervención da investigadora Patricia Arias Chachero; mentres que as cartas con Rodrigues Lapa serviron de sostén da análise de conexión portuguesa do homenaxeado para a contribución do académico Henrique Monteagudo, director do curso coorganizado pola Real Academia Galega, a Universidade de Santiago de Compostela e o Concello de Lourenzá. A RAG conta co apoio económico para o desenvolvemento deste foro da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, a través da Dirección Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, e do Ministerio de Ciencia e Innovación.
A paisaxe na obra de Fernández del Riego foi tamén motivo de análise da man da académica de número María López Sández; a profesora emérita da Universidade de Vigo Camiño Noia falou da traxectoria vital do homenaxeado en Vigo, onde alén da actividade cultural chegou a ser presidente da mesa de negociacións entre a patronal e os traballadores de Citroën; e o director da Penzol, Xosé Manuel Soutullo, detívose no seu labor nesta institución, na editorial Galaxia e na revista Grial. O programa concluíu cunha mesa redonda sobre a Xeración Galaxia cos profesores da USC Xosé Luís Pastoriza e Álex Nogueira e mais o catedrático da Universidade de Vigo Xosé Manuel Dasilva.
Sesión de mañá
Sesión de tarde
Del Riego memorialista e a autoficción dun amor
Ramón Nicolás, autor dunha das biografías sobre don Paco saídas do prelo co gallo do Día das Letras Galegas 2023, mergullouse nesta ocasión na chamada escrita do eu de Del Riego, gran cultivador da letras memorialistas. E fíxoo a través dunha serie de obras publicadas -entre as que destacan O río do tempo (1990) e Camiño andado (2003), e mais o Diario da guerra, publicado postumamente este mesmo ano- e doutras inéditas. Neste último grupo, o académico correspondente detívose nunha serie de notas autobiográficas do autor conservadas; na novela Anguria nas brétemas, presentada sen fortuna ao premio literario do Centro Galego de Buenos Aires; e noutra obra narrativa, carente de título e custodiada tamén no arquivo do autor, que constitúe unha autoficción estruturada en función da súa relación coa súa dona, Evelina Hervella. A moza valdeorresa licenciada en Farmacia coa que casou en 1940 sería a súa compañeira de vida ata a morte dela no ano 2007.
“Ao meu ver, este mecanoscrito é un texto interesante que completa os memorialistas do autor porque, alén de ofrecer datos novos sobre a súa biografía persoal, focaliza boa parte desas experiencia na figura de Evelina Hervella. Sempre nun segundo plano, aquí cobra realce e relevancia como a compañeira que foi de Fernández del Riego e que, probablemente o salvou dunha condena aínda maior que a que supuxo a guerra a través da compaña e o do amor”, comparte o académico correspondente.
Como na súa única novela publicada, O cego de Purmadedón, Del Riego abraza neste orixinal, de 13 capítulos desenvolvidos en 51 páxinas, a chamada literatura do eu. “Aquí fala, de novo, outro álter ego, de nome Nucho, hipocorístico de Marcelino Solovio nunha, outra vez, inequívoca homenaxe ao personaxe de Adrián Solovio da novela oteriana Arredor de si. O círculo temporal vai de 1913, data do seu nacemento, ata 1941-42, cando se instala en Vigo coa súa dona Evelina Hervella, e o relato constitúe un sorprendente ‘periplo sentimental’, tal como el mesmo nomea, noutras palabras de recendo lírico que sentencia na dedicatoria: unha ‘paisaxe arrincada á alma polos bicos amorosos da ilusión’. Dedicatoria, por certo, na que inclúe o comezo da súa redacción: ‘Nos finais de 1938, segundo da guerra’”, detalla Ramón Nicolás.
Percorrer as páxinas deste orixinal inédito -valora o investigador- fai posible un recoñecemento minucioso dos primeiros tempos da relación de Fernández del Riego e Evelina Hervella, convertida nesta páxinas en Eve Sorrosal. E, ao mesmo tempo, acceder a interesantes reflexións ou autorreflexións que o autor non empregaría posteriormente noutras obras.
Camiño Noia refírese tamén ao apoio esencial que foi para don Paco Evelina Hervella, filla dun notario da Rúa. “O matrimonio podería instalarse na Rúa de Petín, no Barco de Valdeorras ou noutro lugar de onde era ela, alí poñería unha farmacia e estaría preto dos seus. Pero veu a Vigo e non puxo botica, cedeulle o título a Domingo, o irmán de Paco, que aínda non o tiña, para que rexentase unha na rúa do Príncipe”, relata. “O xeneroso amor de Evelina foi un esteo básico na vida do galeguista emprendedor e grazas a ela e as súas renuncias puido facer o que fixo. El ben o sabía, falamos diso en varias ocasións”, conta.
O afecto entre amigos a través das cartas
Na intimidade emocional da vida de Del Riego tamén se detivo Dolores Vilavedra nunha contribución na que analiza as cartas que intercambiou na posguerra con diversas amizades como Ricardo Carballo Calero, Álvaro Cunqueiro, Ramón Piñeiro ou Luís Seoane. “A análise destes epistolarios revela algunhas das características singulares das redes colaborativas do galeguismo cultural. Son de carácter interxeracional, sustentadas en vencellos amicais e articuladas a partir da asunción dos roles que a cadaquén se lle adxudicaba no grupo. E no caso de Del Riego permiten constatar a súa polifacecia pero tamén como se desenvolveu o carácter executivo do proxecto Galaxia”, apunta en primeiro lugar a investigadora. Pero unha das dimensións máis interesantes destas cartas é, ao seu xuízo, a apertura de fiestras “relativamente insólitas aos ámbitos emocionais e sentimentais das masculinidades da época”. “Permítennos ollalas dende unha perspectiva novidosa que, se cadra, pode axudarnos a superar prexuízos e tópicos limitadores”, engade.
Bo exemplo constitúeo o pedimento de Carballo Calero ao seu amigo nunha das primeiras cartas que lle escribe tras retomaren o contacto en plena posguerra: “Como hace tanto tiempo que no nos vemos, he sentido curiosidad por saber cuál es tu aspecto físico. Melancolía del tiempo. [...] mándame tu retrato, a ser posible de cuerpo entero”. No ámbito da afectividade, Vilavedra considera especialmente expresivo a Cunqueiro, quen en outono de 1949 lle escribe a Paco: “Grande é a miña preguiza pero é meirande o amor que che teño” e, dez anos despois, “Con moitas ganas de verte”. O narrador mindoniense inclúe ademais decote a dona de Del Riego nas manifestacións de agarimo: “Dálle a Evelina todo o meu amor”. “Isto resulta rechamante porque na época non era tan habitual este tipo de amizades mixtas, que Cunqueiro semella esforzarse por manter, senón que o común nas parellas eran os vínculos entre maridos por unha banda e donas por outra”, explica Dolores Vilavedra.
Nas cartas os vellos amigos falan de cuestións privadas, sobre a súa saúde e de parentes e colegas, e de circunstancias familiares como os éxitos académicos dos fillos de Cunqueiro e das fillas de Carballo Calero, e mais, sempre, dos atafegos laborais. Pero máis abondosas son aínda as confesións relativas ao baixo estado de ánimo. “Todo parece afundido arredor dun. Se un acerta a atopar cuns asideiros. Pasaron os anos, e siguen pasando, nun total fracaso persoal”, cóntalle Paco del Riego en abril de 1951 a Lois Tobío, asentado en Montevideo.
“Estas palabras denotan unha notable capacidade de manter a confianza e a intimidade independentemente da distancia física ou cronolóxica. Neste senso, as cartas revelan unha sinceridade que só pode ser filla da confianza e da lealdade que se profesaban”, prosegue a profesora. Por iso a correspondencia inclúe tamén críticas sinceras, e mesmo demoledoras, como cando Carballo Calero, sendo os dous aínda só uns mozos universitarios, lle recomenda a Del Riego que nas súas intervencións públicas abandone “ese ar de Rabindranath Tagore” e valora así o seu estilo literario: “Os teus artigos son palla frorida, sen migalla de gran”.
Correspondencia con Otero Pedrayo
As mostras de afecto tamén son constantes no epistolario entre Fernández del Riego e Ramón Otero Pedrayo, que a Real Academia Galega publicará proximamente nunha edición ao coidado de Patricia Arias Chachero e con limiar de Xesús Alonso Montero. A secretaria da Fundación Otero Pedrayo presentou no curso un avance do proxecto, que inclúe algo máis de 200 documentos anotados que abranguen corenta e un anos de diálogo, os que median entre agosto de 1934, data da primeira carta de don Ramón, e o 1 de outubro de 1975, apenas seis meses antes de falecer o patriarca de Trasalba.
A investigadora salienta que as cartas demostran que, pese a diferenza de idade, Ramón Otero Pedrayo e Francisco Fernández del Riego (don Ramón era 25 anos maior) partillaron “unha intimidade ben pouco frecuente”. “Moitos dos comentarios incluídos nesta súa correspondencia privada conmoven a quen os le sen ser convidado a facelo”, considera. “¡Grande groria e honra dos vellos é ser defendidos e gabados por os mozos! Ben sabe Deus como eu agradezo o don da amizade. Meu amor tesouro. Pouso o seu carón todas as doores do vivir”, escríbelle Otero a Del Riego en novembro de 1948.
A conexión co de Trasalba tamén estivo presente na intervención da académica de número María López Sández, centrada na paisaxe na obra de Francisco Fernández del Riego e, de maneira especial, en “Panorámica da nosa paisaxe literaria”, artigo incluído no volume colectivo Paisaxe e cultura (1955) xunto a traballos doutros autores, empezando polo propio Otero. “Neste traballo Del Riego vai analizando a paisaxe en Rosalía, Pondal, Curros... E faino poñendo sempre o foco na presenza da paisaxe nos distintos sentidos, o máis sorprendente é esa atención que lle presta á sensorialidade”, analiza a filóloga.
Galaxia, a revista ‘Grial’ e a Fundación Penzol
A derradeira xornada do encontro sobre Del Riego contou asemade na nómina de relatores co director da Fundación Penzol. Xosé Manuel Soutullo abordou a implicación central do autor en tres fitos da cultura galega contemporánea con epicentro en Vigo: a fundación en 1950 da editorial Galaxia, da que foi membro fundador e xerente de 1960 a finais da década seguinte; a posta en marcha dende esta da colección Grial primeiro (1951) -prohibida polo réxime ao chegar á cuarta entrega- e posteriormente (1963) da revista Grial, que codirixiu canda Ramón Piñeiro durante 25 anos nos que se converteu nunha prestixiosa referencia; e a constitución da Penzol (1963) -tamén ao abeiro de Galaxia-, da que foi presidente máis de catro décadas.
Xosé Manuel Soutullo repasou o labor de Del Riego como editor, co que se familiarizou xa nos anos universitarios, cando frecuentaba a editorial Nós, onde axudaba a Ánxel Casal na redacción da publicidade dos libros que saían do seu prelo. Galaxia nacería na posguerra dentro da estratexia galeguista para reconstruír os vínculos e as relacións que permitisen non só a realización de actividades de signo cultural, senón tamén o reinicio da actividade política a través da reconstrución clandestina do Partido Galeguista. “Dende os primeiro momentos, Fernández del Riego asume plenamente a dirección do traballo editorial, co cargo de director xerente a partir de 1960. Será un editor no senso máis amplo da palabra”, salientou Soutullo. “Durante máis de vinte e cinco anos, xunto coa dirección literaria de Ramón Piñeiro, participará na elaboración do plan editorial, aguilloará escritores para sumalos á creación, proporá obras, creará coleccións, corrixirá textos, pasará á máquina orixinais ata compoñelos en imprenta... Mesmo nos primeiros tempos empaquetará libros e loitará coas reticencias dos libreiros para que acepten recibir as publicacións de Galaxia”, enumerou.
Abandonada a dirección de Galaxia, Del Riego continuou á fronte da Fundación Penzol. “Das distintas responsabilidades relacionadas cos proxectos de Galaxia, quizais fose a de director da biblioteca da Fundación Penzol a que máis lle soubo, a que maiores satisfaccións lle produciu, ata o punto de considerala o seu segundo fogar”, indicou o seu actual director.
Del Riego e Vigo
Don Paco instalouse en Vigo tras a guerra civil. Alén dos traballos desenvolvidos arredor de Galaxia, o autor das Letras Galegas implicouse en múltiples actividades. Camiño Noia abordou neste encontro distintos episodios desoutra vida na cidade olívica e algúns logros conseguidos grazas ao seu carácter conciliador.
En Vigo Del Riego axiña se reencontrou con tres vellos compañeiros galeguistas, Enrique Peinador, Manuel Gómez Román e Valentín Paz Andrade, e continuaría a restablecer contactos con outros. “Xuntar xente dispersa para traballar xuntos pola nosa cultura e dar a coñecer a súa importancia foi unha tarefa constante nel”, subliña a catedrática emérita da Universidade de Vigo, que lembra que a asemblea constituínte do Partido Galeguista na clandestinidade se celebro en 1943 na casa de verán de Paco del Riego e Evelina Hervella xunto á praia de Coruxo. Naqueles anos Del Riego iniciou tamén o seu vínculo cun dos sectores centrais da economía viguesa, o da pesca e a industria conserveira, ao se facer cargo, a través de Paz Andrade, das revistas Industrias pesqueras e Industria conservera.
Xa en democracia, o seu carácter conciliador e o aprecio que sentía por el a veciñanza de Vigo quedaría demostrado na súa mediación noutro sector fundamental da cidade, o do automóbil. “Poucos saben que nas décadas de 1980 e 1990 presidiu a mesa de negociación dos convenios colectivos entre a patronal e os traballadores. E non foi doada a elección”, conta Camiño Noia. Ante á falta de acordo entre a patronal e os sindicatos, foi finalmente o delegado de Traballo o que decidiu e escolleu a don Paco, un dos nomes que propuxeran os representantes dos traballadores. “O seu talante negociador parece que deu bos resultados, pois continuou nove anos máis no cargo, ata presentar a dimisión en 1990, cando xa tiña 78 anos. A prensa galega dá conta das melloras conseguidas polos obreiros na negociación anual dos convenios e podemos ver como os traballadores ían mellorando as súas condicións. A sona de Paco como bo negociador, como se diría hoxe, fíxose viral e a xente de Vigo que non o coñecía oíra falar del por iso”, rememora Camiño Noia.
A Xeración Galaxia e a editorial-equipo
O curso pechouse cunha mesa redoda sobre a Xeración Galaxia con contribucións do catedrático da Universidade de Vigo Xosé Manuel Dasilva e os investigadores da Universidade de Santiago de Compostela Xosé Luís Pastoriza e Alejandro Alonso Nogueira. Xosé Manuel Dasilva lembra a hidra tricéfala coa que Xaime Isla Couto caricaturizou o equipo impulsor da editorial que lle dá nome a dita xeración, composto por el mesmo, Ramón Piñeiro e Francisco Fernández del Riego. O selo foi fundado en Vigo en 1950 con propósitos alén da mera edición e venda de libros galegos en galego. “O plan era crear unha editorial que dese continuidade á esmagada Nós. Emerxeu nas primeiras xuntanzas clandestinas do Partido Galeguista en Vigo entre 1943 e 1946, mais a detención e encarceramento de Piñeiro, o fracaso do Servizo de Edicións e Traducións (SEPT, 1946-1947) e a prohibición en 1950 de continuar coa publicación do Suplemento de los sábados do xornal compostelán La Noche motivaron a Del Riego e Xaime Isla a acelerar o proceso de constitución dunha sociedade anónima por accións que acubillase a estrutura e militancia do Partido Galeguista”, expón Xosé Luís Pastoriza.
Quebrar o illamento moral e renovar o galeguismo, acadar a presenza de Galicia no mundo a través do prestixio da súa cultura, entrar en contacto coa mocidade universitaria e incorporala ás tarefas de responsabilidade que lles ían ser demandadas como xeración, así como o estudo sistemático da realidade económica e social de Galicia son algunhas das misións contempladas na estratexia definida para a editorial. O seu desenvolvemento levouse a cabo “a través dun comprometido traballo en equipo, unha palabra, equipo, que permite definir como unha editorial-equipo, que editaba libros-equipo e revistas equipo (Grial, a Revista galega de cultura e a Revista de Economía de Galicia) e desenvolvía un programa equipo consonte a unha intelixente división do traballo estratéxico e operativo”, valora o profesor Pastoriza.
Xosé Manuel Dasilva debullou as actividades de Fernández del Riego como editor na resistencia ao franquismo, que desenvolveu con “compromiso galeguista, laboriosidade, perseveranza, audacia e xenerosidade”. O profesor da Universidade de Vigo distingue nelas unha tripla vertente como editor literario, promotor editorial e como produtor editorial. “Como editor literario organizou volumes colectivos e individuais como a súa Escolma de poesía galega IV. Os contemporáneos ou a Obra completa de Ramón Cabanillas. Como promotor editorial alentou a xestación de obras fundamentais da literatura galega como Á lus do candil, de Ánxel Fole, Merlín e familia, de Álvaro Cunqueiro, ou Nimbos, de Xosé María Castro. E como produtor editorial fixo posible que saísen do prelo libros tamén relevantes, neste caso en loita coa censura franquista, como Escolma posible, de Castelao, A esmorga e Xente ao lonxe, de Eduardo Blanco Amor, ou Vento ferido, de Carlos Casares”, pon como exemplo. Por último, Alejandro Alonso Nogueira, secretario do curso, deterase na Escolma de poesía galega IV. Os contemporáneos, saída do prelo en 1955.