Unha nova web reúne as partituras compostas por Marcial del Adalid

A Real Academia Galega custodia case a totalidade do legado compositivo de Marcial del Adalid (A Coruña, 1826-Pazo de Lóngora, Oleiros, 1881), unha das grandes figuras da música galega do século XIX. Tras completar a dixitalización destas partituras, a institución dá un paso máis para facilitar o acceso a este rico fondo documental nunha nova páxina web, marcialdeladalid.academia.gal, na que tamén pon a disposición de todos os usuarios outros recursos relacionados co legado do músico que conserva e mais a súa figura.

A web, realizada co apoio económico da Deputación de Pontevedra, ofrece o catálogo da produción musical de Marcial del Adalid e mais da biblioteca de música do Fondo Marcial del Adalid da Real Academia Galega. Ambos os recursos que naceron como parte fundamental do proxecto de investigación orixinario da tese de doutoramento que Laura Touriñán Morandeira lle dedicou ao músico coruñés.