Anuncio dos actos da Festa de costumes galegas
A prensa histórica galega é un celeiro ateigado de noticias que conservan a memoria dos pensamentos e dos feitos das xeracións pasadas, e como tal debe ser de consulta imprescindible para coñecermos a nosa historia. De especial importancia é a axuda que a prensa pode ofrecernos á hora de reconstruír os pequenos acontecementos acerca dos cales moi pouca ou ningunha outra información chegou ata nós, aquelas microhistorias que quizais se consideraron pouco relevantes no seu momento, pero que hoxe teñen un grande interese porque nos permiten comprender mellor a sociedade e as circunstancias históricas dentro das que tiveron lugar.
Unha desas microhistorias que nos descobre a prensa é o acontecemento que agora presentamos aquí: a celebración, o domingo 6 de setembro de 1896, dunha Festa de costumes galegas na cidade da Coruña. A descrición da festa e da súa organización podémola achar en xornais e revistas locais como La Voz de Galicia ou a Revista gallega. Sobre todo foi esta última revista, dirixida polo coñecido escritor e publicista Galo Salinas Rodríguez, a que lle dedicou unha meirande atención, sen dúbida a causa da súa orientación rexionalista. Grazas a que a Revista gallega publicou nas súas páxinas o programa da festa, e posteriormente unha recensión dando conta de como transcorrera, podemos coñecer numerosos detalles do acto.
Organizada e financiada polo Círculo Méndez Núñez, unha das asociacións culturais existentes na cidade herculina a finais do XIX, a Festa de costumes galegas pretendía encadrarse dentro das actividades lúdicas propias da tempada estival coruñesa, mais sen perder de vista o seu carácter enxebre. De feito, a festa estaba concibida como se dunha romaxe se tratase. De mañá, misa cantada na igrexa de Santa Lucía; procesión coa imaxe da Virxe do Rosario por algunhas rúas da cidade; muiñeira bailada no adro da igrexa; e deseguido comparsas de músicos e bailadores animando o desprazamento da comitiva ata o chamado Curralón da Gaiteira, lugar onde continuaría a festividade. Xa pola tarde, na Gaiteira, foliada e concerto de gaitas; unha merenda campestre amenizada polas coplas dos cegos; e para dar cabo aos actos do día a queima de figuras e os imprescindibles foguetes. Alén diso, as actividades incluíron tamén o sorteo dunha vaca de leite coa súa cría, así como un concurso de merendas do país con premios ás mellores preparadas e máis enxebres, galardóns que decidiu un xurado do que formaban parte a escritora Sofía Casanova, o arquiveiro Andrés Martínez Salazar, o director da Revista gallega Galo Salinas, e o futuro presidente da Real Academia Galega Manuel Murguía, aínda que este último finalmente non participou por motivos de saúde. Días despois da celebración, a valoración feita pola Revista gallega non podía ser máis positiva, ao cualificar de "magnífica" unha festa á que acudiran máis de tres mil persoas.
Lendo as recensións publicadas na prensa chama a atención a decidida vontade dos organizadores por conservar e fomentar os costumes galegos, e moi especialmente a nosa música e os nosos bailes. Cómpre lembrar que na Galicia de finais do século XIX a progresiva urbanización, a emigración e a introdución de modas alleas estaban a provocar importantes transformacións na música popular e o esmorecemento das súas formas máis tradicionais. De aí que, como reacción, por esas mesmas datas xurdiron en cidades e vilas do país unha serie de iniciativas destinadas a dignificar a música galega e a buscarlle un lugar dentro da sociedade urbana. Este movemento de dignificación fíxose efectivo coa creación de coros galegos en diversas cidades, comezando por Aires d'a Terra de Pontevedra fundado por Perfecto Feixoo en 1883, mais tamén coa organización de concursos e de festivais nos que a nosa tradición musical era unha das protagonistas. Por tanto a festa da Coruña non se debe considerar un caso illado, senón que é preciso inserila no contexto deses esforzos por prestixiar a música galega.
Unha proba do interese dos organizadores pola súa dignificación é que quixeron contar coa participación dalgúns dos mellores gaiteiros do momento: Xan Miguez de Ventosela, Manuel Rilo de Betanzos e Rogelio Rodríguez do Carballiño. Sabemos, ademais, que os tres gaiteiros non se limitaron a tocar soamente nos actos da festa enxebre, senón que a súa presenza tamén foi requirida no baile que o Círculo Méndez Núñez ofreceu nos seus salóns -é dicir, nun ambiente moito máis urbano- na noitiña dese mesmo día 6 de setembro, onde os músicos demostraron de novo a súa habelencia coa gaita.
Porén, a partir da información coa que contamos parece claro que a intención da festa ía alén do estritamente musical, converténdose nunha auténtica reivindicación da cultura galega en xeral: da gastronomía, do traxe, dos costumes, e tamén do idioma propio. Respecto disto último hai que salientar que nunha época na que era tan raro o uso da nosa lingua nas actividades públicas, os organizadores publicaron o folleto co programa da festa escrito conxuntamente en galego e en castelán (do cal a Revista gallega recolleu só a versión galega). A iso pódense engadir outros dous detalles significativos: que no programa constase de xeito expreso que o xurado do concurso de merendas debía emitir o seu veredicto en galego (cousa que fixo); e que á hora da concesión do primeiro premio se valorou que as persoas gañadoras, ademais de vestiren á maneira dos "labradores galegos", todas elas falasen no noso idioma. Seguramente nesta actitude favorable á lingua e á cultura propias habería que ver a influencia dos rexionalistas coruñeses, unha influencia suxerida pola presenza de Manuel Murguía e de Galo Salinas, e mesmo pola activa propaganda a prol da festa realizada nas páxinas da Revista gallega, unha publicación que desde A Coruña actuaba a xeito de voceiro (non oficial) do movemento rexionalista.
Na nosa Hemeroteca Virtual é posible consultar o programa e a recensión dos actos da Festa de costumes galegas accedendo aos números 76 e 80 da Revista gallega.