Unha exposición e música contemporánea en Vilafranca para os versos do cantor do Bierzo

A estrea dunha peza serial dodecafónica baseada no poema de Antonio Fernández Morales "Villafranca i a vendima" e asinada por Maurizio Polsinelli pechará hoxe a segunda das tres xornadas do simposio dedicado ao autor, que se desenvolve en Vilafranca do Bierzo. O programa desta mañá, presentado polo presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, a presidenta do IEB, Mar Palacio, o académico correspondente e organizador do programa, Héctor M. Silveiro, e o alcalde da localidade, José Manuel Pereira Vega, incluíu tres relatorios sobre os Ensaios poéticos en dialecto berciano (1861), unha das primeiras obras do Rexurdimento, e a inauguración da exposición Antonio Fernández Morales e o galego no Bierzo.

Inauguración da exposición sobre Fernández Morales e o galego no Bierzo no Claustro de San Nicolás o Real de Vilafranca do Bierzo. Fonte: RAG


Coorganizado pola Real Academia Galega, o Instituto de Estudios Bercianos (IEB) e a Comisión Cultural Martín Sarmiento, o Simposio do Bicentenario / XI Xornadas de Autor IEB. Antonio Fernández Morales: o cantor do Bierzo celébrase do 15 ao 17 de setembro en Ponferrada, Vilafranca do Bierzo e Cacabelos.

A mostra inaugurada hoxe no Claustro de San Nicolás o Real de Vilafranca do Bierzo foi organizada pola Comisión Cultural Martín Sarmiento inspirándose nas cartas inéditas escritas por Fernández Morales a Mariano Cubí nos anos 40 do século XIX, que se conservan no Museo do Bierzo. Producida por Edicións Positivas, foi subvencionada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, cuxo titular, Valentín García, tamén participou na inauguración xunto aos representantes das entidades organizadoras e outras institucións colaboradoras. Na difusión da exposición colaborará o Grupo As Médulas para a Lingua e Cultura galegas do Bierzo, que se encargará de que facela chegar aos centros educativos do Bierzo.

A mesa da mañá sobre os Ensaios foi presentada polo secretario da RAG, Henrique Monteagudo, e contou coas achegas da académica Rosario Álvarez, Héctor Silveiro e o profesor da Universidade de Vigo Anxo Angueira. Rosario Álvarez detívose nos factores e circunstancias que moveron a Fernández Morales a facer dos seus Ensaios un retrato natural da lingua autóctona falada no Bierzo Baixo, contextualizando esta decisión nun momento de preocupación e interese crecente polas linguas e dialectos tanto no ámbito hispánico como europeo. O académico correspondente Héctor M. Silveiro ofreceu unha análise do retrato das tradicións, a terra e a identidade neste libro e mergullouse na correspondencia inédita de Fernández Morales co filólogo catalán Mariano Cubí. Escritas en galego xa no ano 1847, estas cartas reforzan a condición de Fernández Morales de precursor do Rexurdimento, salientou.

A chegada á escrita en galego por parte de Fernández Morales foi tamén analizada por Anxo Angueira nun relatorio titulado "Morales no Rexurdimento". O profesor da Universidade de Vigo indagou ademais nas relacións literarias de Fernández Morales coa súa xeración, a materia popular da súa poesía e a evolución da súa presenza na historiografía literaria galega desde o século XIX.

A xornada retomouse pola tarde cunha intervención de Andrea Castelo Veiga, que ofreceu unha análise do léxico berciano diferencial presente nos Ensaios. O obxectivo deste traballo foi elaborar un pequeno glosario cos termos menos coñecidos ou xa en desuso para facilitar a lectura da obra a calquera persoa lectora. "O léxico de Morales é moi variado e rico, tomado directamente do pobo. É unha mágoa que o léxico berciano non estea recollido en ningún dicionario nin sexa ensinado nas escolas para revitalizalo con novos usos nestes novos tempos", reflexiona a investigadora, que avoga por que se vaian dando pasos nesa dirección.

"A cuarta coroa do Rexurdimento"
Andrea Castelo encargouse tamén da lectura do relatorio sobre o proceso do redescubrimento de Morales do académico correspondente Xosé Henrique Costas, que non puido acudir ao simposio. "Desde o ano 2002, tanto as asociacións bercianas de defensa da lingua coma a Universidade de Vigo, a través da Escola de Educación Permanente Fermín Penzol, véñenlle rendendo homenaxes anuais á figura colosal de Antonio Fernández Morales. Grazas a estas accións e actividades, a obra do brigadeiro e poeta empezouse a coñecer en Galicia e no Bierzo: congresos, concertos, xornadas, homenaxes na súa tumba, premios de poesía, reedicións da súa obra etc., todo para demostraren que a obra de Morales merece ser a cuarta coroa poética do noso Rexurdimento coa intención, ademais, de reforzar a autoestima e a identidade dobremente negada dos bercianos que queren seguir sentíndose orgullosos da súa lingua natural, a galega", resume o profesor de Filoloxía Galega da Universidade de Vigo. "Todas estas accións tiveron sempre un norte: que a Real Academia Galega lle conceda un ano a honra das Letras Galegas a Fernández Morales, pois estará honrando todos os autores que na Galicia exterior militan na nosa lingua e estará prestixiando o noso idioma alén da fronteira oriental", considera Xosé Henrique Costas.

Estrea musical
O compositor Maurizio Polsinelli e Carmen Penim, autora de varias cancións con poemas de Morales, ofrecerán unha exposición teórica e práctica sobre a métrica na obra do poeta e as decisións creativas que foron tomando para musicaren a súa obra. Nela queda claro que "meditaba as súas eleccións e buscaba deliberadamente darlles unha especial musicalidade aos versos en función da súa sonoridade pero tamén en función do contido". "Así resultan uns poemas que cantan e contan as historias e as tradicións das xentes do seu tempo", destacan. Tras o relatorio, estrearase a peza serial dodecafónica baseada no poema de Morales "Villafranca i a vendima" que compuxo Maurizio Polsinelli.

Peche en Cacabelos
Mañá domingo, día do bicentenario do nacemento de Fernández Morales, o programa continuará en Cacabelos con novos relatorios de Javier Fernández-Llamazares, centrado nas cartas de Morales co banqueiro e deputado Felipe Fernández-Llamazares; José Luis Puerto, cunha mirada sobre a súa poesía; e Héctor Luis Suárez, que falará sobre os instrumentos musicais nos seus versos. Un recital poético de Anxo Angueira e unha ofrenda floral ante a tumba de Fernández Morales, coa intervención musical da Escola de Gaitas de Vilafranca do Bierzo poralles o ramo ás tres xornadas de homenaxe a Fernández Morales na súa terra.