“O meu obxectivo principal foi crear unha tradución poética que preserve o espírito, o ton e a voz lírica de Villalta, logrando que os poemas funcionen de maneira independente en hindi, respectando ao mesmo tempo a súa esencia orixinal”, explica Vikash Kumar Singh. “Espero que esta tradución anime os lectores indios a coñecer e valorar a figura literaria de Luísa Villalta, especialmente a aqueles interesados nos estudos literarios indo-hispánicos e na teoría da tradución”, engade.
“Vikash Kumar Singh agasállanos con esta tradución dalgúns dos poemas máis significativos da protagonista do Día das Letras Galegas ao terceiro idioma en número de falantes do mundo. Intúo que Luísa Villalta quedaría fascinada coa nova musicalidade das palabras que escribiu para lles dar voz ás mulleres apartadas ás marxes das marxes”, expresa o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, na presentación do volume, editado co apoio da Xunta de Galicia, e o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.
Temas con eco na poesía feminista india
Luísa Villalta deixou escritas dezanove composicións para as instantáneas que Maribel Longueira realizara sobre o derrubamento do Papagaio, o barrio da prostitución da Coruña. O froito daquela colaboración artística e de denuncia da violencia contras as mulleres, e da especulación urbanística, saíu do prelo tras a morte da escritora, no ano 2006. Este testamento literario ilustra dous trazos esenciais da personalidade creadora da autora: “a súa forte dimensión interartística e a aposta polo compromiso social”, apunta a académica María López Sández no limiar da edición bilingüe Poemas escollidos de Papagaio. “Reivindicativa, firme e solidaria, a súa ollada deixa patente a violencia machista e o estigma que sofren as mulleres, baixo os cascallos da cidade ferida que asoma nos versos do poemario. A imbricación que se dá neste libro entre as palabras de Villalta e as imaxes de Longueira conforma un produto semiótico total ao que agora vén sumarse a voz de Vikash, a sonoridade do hindi”, conclúe.
Vikash Kumar Singh pon tamén o acento na “aguda crítica ás normas patriarcais que silencian as mulleres e lles negan autonomía” que a escritora plasmou en Papagaio e sinala o interese de achegar a súa ollada ao público indio. “Villalta aborda temas como a opresión, a prostitución, a degradación humana e urbana e a reivindicación da voz feminina. Estes temas atopan eco na poesía feminista india, establecendo paralelismos que enriquecen o diálogo intercultural. A tradución destes poemas ao hindi ofrece aos lectores indios unha perspectiva única e subliña as preocupacións feministas compartidas entre ambas as culturas”, considera.
Canto ao feito da tradución, consciente das diferenzas entre os sistemas lingüísticos do galego e o hindi, a súa intención foi atopar “equivalencias plausibles que respectasen a tradición literaria hindi, os seus rexistros e o seu contexto cultural”. “Un dos maiores retos foi trasladar ao hindi certos termos galegos, a miúdo considerados tabú, como puta, charramangueiro, cona, tetas, maricas. Nestes casos, procurei equivalentes axeitados, tendo en conta a sensibilidade do público potencial en hindi, sen comprometer a intensidade nin o espírito dos poemas orixinais”, comparte.
De Rosalía e Celso Emilio a Luísa Villalta
Vikash Kumar Singh dedícase ao ensino e a investigación na área do hispanismo, foi beneficiario de varias bolsas como investigador visitante en universidades españolas e participou en tres edicións dos Cursos de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras”. A súa tradución ao hindi de parte dos poemas de Papagaio súmase a outras contribucións ao espallamento das letras galegas como a colaboración co proxecto Rosalía é mundial; e a versión en hindi de poemas de Celso Emilio Ferreiro publicados en Yuddh Ke Viruddh / Contra a guerra (unha antoloxía de poemas de todo o mundo) ou de versos de Claudio Rodríguez Fer. Como tradutor tamén publicou a edición bilingüe castelán - hindi do drama incaico Ollantay, publicado pola Sahitya Akademi (Academia das Letras da India).