Unha edición facsimilar recupera 'Na espera do amigo' de Fernández del Riego e Laxeiro

O Consello da Cultura Galega acaba de sacar do prelo unha edición facsimilar de Na espera do amigo, un volume singular na traxectoria de Francisco Fernández del Riego que xunta a súa escrita coa creación plástica de Laxeiro. A obra orixinal acompaña un conto de don Paco dos anos 30 con serigrafía do artista a dúas cores e foi publicada en 1994 por Edición Aguatinta. Con esta achega que dá conta da súa estreita relación co mundo da arte, o protagonista do Día das Letras Galegas 2023 quixo contribuír ao lanzamento dunha editorial emerxente naquel momento.

O presidente da Real Academia Galega participou hoxe na presentación da edición na Casa da Cultura Galega de Vigo. Víctor F. Freixanes acompañou a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, xunto a Román Pereiro, responsable da primeira edición de Na espera do amigo; Manuel Puga, presidente da Fundación Penzol; e os tres autores dos estudos introdutorios que contextualizan esta publicación.

“É unha obra singular porque é unha rarísima incursión de Fernández del Riego na creación; porque foi un proxecto vangardista no seu momento, que forneceu de novos formatos para a cultura galega, e tamén porque amosa ese vínculo coas artes plásticas”, salientou Rosario Álvarez.

A edición facsimilar de Na espera do amigo consta dunha tiraxe de 500 exemplares e pode descargarse en versión dixital na páxina web do Consello da Cultura Galega.