Unha cátedra arredor de Galicia feita ás dúas beiras do océano

Crear un lugar matriz, un espazo para a imaxinación creadora e o pensamento crítico. Un punto de encontro transatlántico de todas as expresións artísticas, con especial fincapé tanto na literatura galega como no ensino e na difusión da nosa lingua. Estas son as razóns de ser da Cátedra Galicia-América da Universidad Nacional de San Martín (Arxentina), presentada publicamente esta mañá, por primeira á esta beira do océano, na sede da Real Academia Galega. O académico Manuel Rivas é un dos promotores do proxecto, que foi dado coñecer o pasado abril na Feira do Libro de Buenos Aires. A iniciativa coidará todo aquilo que forma parte da memoria da emigración, mais tamén mira cara ao futuro traballando para actualizar o vínculo entre o galego e o arxentino.

Pola esquerda, Xesús Alonso Montero, Micaela Cuesta, Mario Greco e Manuel Rivas, que amosa a páxina do monográfico de Review.Revista de libros dedicado a Galicia na que se inclúe a ilustración d'A derradeira leición do mestre (1945) de Castelao, "o Gernika galego". Autor: RAG


O presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, recibiu unha delegación do proxecto composta por Mario Greco, director do programa Lectura Mundi da Universidad Nacional de Sanmartín (UNSAM), que dá acubillo á Cátedra; Micaela Cuesta, investigadora da mesma institución e editora dos suplementos que elabora Lectura Mundi para Review. Revista de libros, a versión latinoamericana da prestixiosa The New York Review of Books; e Manuel Rivas, codirector da Cátedra. Tras a xuntanza, os catro presentárona en rolda de prensa.

Alonso Montero amosou a súa satisfacción por abrir as portas da RAG á presentación desta iniciativa en Galicia. "É, sen dúbida, o espazo máis axeitado, porque esta Academia existe porque existe América", salientou, antes de lles dar a palabras aos membros da Cátedra, referíndose ao apoio crucial da emigración que fixo posible, a través de figuras como Xosé Fontenla Leal, que finalmente a RAG fose inaugurada na Coruña en 1906.

Malia non ser a primeira cátedra universitaria de promoción e divulgación de Galicia e a súa cultura creada en Arxentina -historicamente o maior destino mundial de emigración galega-, a da UNSAM é unha iniciativa orixinal, apuntan os seus impulsores. Desenvolverá tanto investigación académica pura como divulgación da cultura galega, e procurará a colaboración con outras institucións culturais. E sempre tomando como referencia o diálogo con Galicia, xa que esta é "unha cátedra feita a dúas beiras".

Lectura Mundi, o marco da Cátedra, é un "programa transversal que dialoga con toda a universidade", e que conta entre as súas accións coa Cátedra Literaturas do Sur, que dirixe o Nobel de Literatura sudafricano J. M. Coetzee, contou Greco. "Queremos construír sobre a matriz que xa existe, que é o vínculo entre o galego e o arxentino, unha nova linguaxe, un novo relato da relación entre estes mundos", declarou. "E iso quere dicir facerse cargo dos arquivos que temos en Arxentina [sobre Galicia], escanear as fichas dos emigrantes que están no Museo da Emigración Galega na Arxentina, restaurar as obras de arte da pinacoteca do Centro Galicia... É dicir, coidar todo aquilo que forma parte do testemuño da memoria, o que constitúe a memoria da emigración, ou da inmigración, pero ao mesmo tempo construír sobre ese recordo, que está moi vivo, un relato que actualice ese vínculo, que o encha de contido actual", detallou.

Greco subliñou por último que na Cátedra "a cuestión da literatura é fundamental" e que haberá un capítulo especificamente dedicado "á recuperación e á promoción das letras galegas". "Aspiramos a ter un lector e a fortalecer a presenza do galego alí", engadiu.

Na mesma liña, Manuel Rivas confiou en que a Cátedra marque "un xiro na cuestión das relacións culturais que teñen como célula nai a emigración" e destacou que nace coa vontade de estar "moi cosida co seu tempo", poñer "en comunicación as vangardas de América e de Galicia" e ser un espazo que vaia do local ao universal.

As primeiras accións e as previstas para os vindeiros meses
Os obxectivos desta "obra en construción" quedan ben reflectidos nunha das súas primeiras accións, a publicación do monográfico "Sempre en Galicia", no último número de Review. Revista de libros. "O suplemento recupera o espírito da Cátedra, que ten que ver cunha mirada nin anticuaria nin museográfica, tampouco romántica, senón cun intento de actualización de Galicia, e polo tanto unha reflexión sobre a lingua, sobre a política e sobre a poesía", expresou Micaela Cuesta. Inclúe así un traballo sobre Luís Seoane de Silvia Dolinko, o artigo de Rivas El informe Galicia para un alien; Buenos Aires, capital y Atenas de la Galicia exiliada, de Ruy Farías, outro dos responsables da Cátedra; unha análise sobre a actualidade política galega do xornalista porteño Ángel Berlanga e versos de Rosalía de Castro e de Estíbaliz Espinosa.

As presentacións d'O último día de Terranova, a última novela de Manuel Rivas, e de Historias de Galicia, do tamén académico Ramón Villares, e o primeiro encontro do Ciclo Benvidos á terra, celebrado o pasado mes de agosto no Centro Galicia de Buenos Aires, son outras das actividades desenvolvidas pola Cátedra ata o momento, que segundo Greco están a colleitar unha reacción "moi favorable" en Arxentina. A súa visita e a de Micaela Cuesta estes días a Galicia, na que están a presentar a iniciativa non só á RAG, senón ás universidades e outras institucións, pretende proxectala tamén a este lado do océano, na procura de novas colaboracións.

Entre as accións previstas pola organización para os vindeiros meses, figuran unha xuntanza de investigadores sobre migracións galegas, españolas e en xeral, actividades arredor da música galega en diálogo coa arxentina, un ciclo de cine galego, un roteiro sobre Luís Seoane pola cidade de Buenos Aires, expocisións ou encontros entre escritores galegos e arxentinos.