Xosé María Álvarez Blázquez.
As abondosas achegas de Xosé María Álvarez Blázquez á cultura galega da segunda metade do século XX abranguen diversos campos, desde a creación e a edición literaria, ata a arqueoloxía, o ensaio e os estudos históricos e literarios.
Nesta carta dirixida a Fermín Bouza-Brey en setembro dun ano próximo a 1947 –e que se pode descargar transcrita nesta ligazón- o autor de Canle segredo anima o seu amigo a teimar na escrita poética de acordo coa súa propia concepción da mesma e contra a moda imperante na época que el cualifica como a dos "copreiros do ¡Ai, meu amor!". Outro tanto lle aconsella facer coa morea de datos que Bouza-Brey levaba recollendo desde había tempo sobre a figura de Rosalía de Castro: reunilos todos e publicalos en formato de estudo biográfico.
Xosé María Álvarez Blázquez alude, así mesmo, na súa misiva a outros temas, como ao "meu asunto da Academia", da que Fermín Bouza-Brey formaba parte xa desde 1941 e na que o tudense non ingresará ata finais de 1964, e ao seu traballo como editor na Escolma da lírica galega medieval, que publicará en 1952, e da que tira algúns refráns para llos ofrecer ao seu amigo e recoñecido etnógrafo, Bouza-Brey.
No ano 2008, a Academia dedicoulle o Día das Letras Galegas a Xosé María Álvarez Blázquez.