Pola esquerda, Gemma Álvarez Maneiro, Xesús Alonso Montero,.Valentín García, Víctor F. Freixanes, Giovanni Borriero e Lurdes Batán na presentación da obra
La letteratura galega. Autori e testi foi coeditado por Giovanni Borriero, director do Centro de Estudos Galegos de Padua, e Gemma Álvarez Maneiro, exlectora do mesmo centro, e está prologado polo académico Xesús Alonso Montero. "No mapa das linguas románicas non hispánicas non existe un volume tan representativo do noso discurso literario. As Letras italianas van ser un exemplo", salienta o profesor Alonso Montero no limiar, onde recorda que o volume sae do prelo, baixo o prestixioso selo Carocci Editore, grazas tamén á colaboración de Rachele Fassanelli, da Universidade de Padua, Attilio Castellucci e Beatriz Galiano Leis, de "La Sapienza" de Roma, e Valeria Salinas Soria.
Giovanni Borriero, Gemma Álvarez Maneiro e Xesús Alonso Montero participaron esta mañá na presentación do libro, no Pazo de San Roque de Santiago, acompañados do presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a subdirectora xeral de Política Lingüística, Lurdes Batán.
O presidente da RAG felicitou os autores por un traballo que contribúe á proxección internacional da lingua e das culturas galegas. "Un dos desafíos da lingua, da literatura e da cultura galega na era da globalización é a súa posición exterior, a capacidade que teñamos para presentar no mundo o noso patrimonio e a nosa creatividade, neste caso a creatividade literaria. Iniciativas como esta abren camiños para facer máis universal a nosa literatura", salientou Víctor F. Freixanes.
"Esta nova antoloxía vén estreitar aínda máis o vínculo entre as literaturas galega e italiana, e o dos estudos filolóxicos en sentido amplo, alén de darlle proxección e difusión á nosa lingua e cultura propias no mundo, a través de medio cento das figuras máis emblemáticas que protagonizaron desde 1963 as Letras Galegas", expresou en termos semellantes Valentín García.
La letteratura galega. Autori e testi ofrece as biografías dos cincuenta homenaxeados pola Real Academia Galega no Día das Letras Galegas ata 2011, bibliografías e unha escolma de textos diversos e representativos en versión orixinal e a correspondente tradución ao italiano. Completan o volume tres apéndices dedicados a feitos históricos, publicacións periódicas e mapas, e un glosario de termos galegos de especial complexidade na súa tradución ao italiano.