O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, participou esta mañá na presentación da programación do mes de outubro na que colaboran o Consello da Cultura Galega, o Museo do Pobo Galego, os concellos de Santiago de Compostela e Ames, a Universidade de Santiago de Compostela, a Xunta de Galicia e a propia Academia. "Somos fillos daquela xente que, con tan poucos recursos pero con intelixencia, puxo as bases do que hoxe somos. Eles foron quen de construír un discurso para o país", expresou.
O congreso Saber de nós: cen anos do Seminario de Estudos Galegos reunirá distintas voces expertas que analizarán, entre outras cuestións, a madureza da concepción de Galicia como nación europea e a reivindicación do galego como idioma culta que defenderon os integrantes do SEG. A inscrición é gratuíta e debe formalizarse a través da páxina web do Consello da Cultura Galega, que acollerá ambas as xornadas.
As persoas que desexen participar na andaina que recreará a camiñada que fixeron o 12 de outubro de 1923 Fermín Bouza Brey, Xosé Filgueira Valverde, Xosé Pena e Pena, Wenceslao Requejo Bouet, Lois Tobío e Alberto Vidán Freiría dende Santiago de Compostela cara á casa da infancia de Rosalía de Castro poden inscribirse xa tamén nesta actividade a través da páxina web do Museo do Pobo Galego.