O presidente da Academia, Víctor F. Freixanes, intervén na rolda de prensa xunto ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro Alberto Oubiña. Fonte: Concello de Pontevedra
O presidente da Real Academia Galega salientou que a institución se sente "honrada e agasallada polo Concello de Pontevedra e pola atención que este está a ter con María Victoria Moreno". Pola súa banda, o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, amosouse "encantado" de que se lle dedicase o Día das Letras de 2018 a María Victoria Moreno; pola colaboración coa Academia e porque ilustres persoeiros da cultura "estean en Pontevedra a diario". O rexedor agarda unha masiva participación da veciñanza pontevedresa na ampla programación arredor da autora que se desenvolverá na cidade, e que continuará durante todo o ano. Velaquí un avance da que se desenvolverá nas vindeiras semanas:
Para o xoves 26 de abril está prevista a proxección dun documental sobre a figura da escritora, María Victoria Moreno, galega por amor, no que participan persoas que a coñeceron ben, como Fina Casalderrey, Manuel Bragado… Será ás 20.30 horas no Teatro Principal.
O venres 27 de abril, ás 12:00 horas, está previsto o acto oficial de cambio do nome da rúa Fernández Ladreda polo de María Victoria Moreno. Participará o presidente da Real Academia xunto á familia da escritora, entre outras autoridades e persoas convidadas.
O 1 de maio, ás 11:00 horas, descubrirase unha placa no número 15 da avenida de Vigo, onde viviu María Victoria Moreno.
O sábado 5 de maio, ás 19:00 horas, está prevista a presentación do libro O escalón de Ulises. Un paseo pola Pontevedra dos afectos de María Victoria Moreno, a mestra que escribía libros, de Montse Fajardo. Será no paseo de Valle Inclán, en Campolongo.
O 8 de maio celebrarase o Correlingua, unha nova ocasión para recordar a unha muller que soubo transmitir o compromiso coa lingua do país tanto na súa produción literaria como no activismo cultural e no labor como docente. A partir das 10:30 horas percorrerá distintas rúas da cidade.
Os días 8, 9 e 10 de maio as Letras Galegas tamén estarán moi presentes no programa escolar Ben veñas, maio, coa vixésima mostra de teatro, o certame de música e a entrega dos premios dos concursos de fotografía, banda deseñada, narración curta, poesía e curtametraxe.
O 16 de maio será o concerto Día das Letras Galegas promovido polo Consello da Cultura Galega, no que se estreará unha peza musical composta por Miguel Matamoro sobre un texto de María Victoria Moreno. O concerto será na sede de Afundación, e estará precedido por unha recepción oficial do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores aos membros da Real Academia Galega e do Consello da Cultura no Café Moderno.
O 17 de maio será o día do pleno extraordinario da Real Academia Galega en Pontevedra. Comezará ás 12: 30 horas no Teatro Principal. Segundo desvelou esta mañá o presidente da RAG, neste plenario, aberto ao público, intervirán o académico Xesús Alonso Montero, que mantivo unha estreita relación con María Victoria Moreno desde que foron compañeiros de departamento, nos anos 60, no Instituto Masculino de Lugo; a académica Marilar Aleixandre, que tamén a coñeceu persoalmente e moi vencellada, como ela, á literatura infantil e xuvenil; e a académica e escritora pontevedresa Fina Casalderrey, outra integrante da institución que coñeceu ben a María Victoria Moreno, autora de libros para o público máis novo e tamén docente.
A cidade continuará a inmersión na vida e obra de María Victoria co acto do Día das Letras organizado pola Asociación Sociocultural do Burgo, na praza de Curros Enríquez ás 19:00 horas do mesmo día 17. Participará tamén nel a Banda de Música de Pontevedra.
O 18 de maio, na avenida de Montero Ríos, inaugurarase a exposición Os Bolechas e as variedades dialectais, organizada pola Deputación de Pontevedra.
O 19 de maio celebrarase o Día das Letras na parroquia de Ponte Sampaio coa inauguración dunha exposición e unha conferencia de Montse Fajardo. Será ás 20:00 horas no local da asociación de veciños Santa María de Ponte Sampaio.
A tradicional recepción do alcalde ás asociacións da cidade que colaboran activamente na promoción da lingua durante todo o ano será o día 30 de maio, ás 20:00 horas, no Pazo de Mugartegui.