Tribuna

Unha alba de gloria para o noso idioma

A celebración do Día de Galicia convida a unha reflexión que sobrevoe os atafegos, inquedanzas e controversias conxunturais. Estamos no Ano Castelao, conmemorando o seu 75 cabodano, e na data de hoxe non podemos menos que lembrar o seu discurso “Alba de Gloria”, pronunciado en Buenos Aires o 25 de xullo de 1948 ante unha escolleita representación da diáspora galega, en que se daban a man a colectividade de emigrantes que fuxiran da fame, e a enxurrada de exiliados que fuxían da represión, Castelao o primeiro. Catro anos antes, o rianxeiro presentara na mesma cidade a súa obra Sempre en Galiza, testemuño e testamento do autor e da súa enteira xeración, a das Irmandades da Fala e a revista Nós.

Se algo define a significación histórica da figura de Castelao e a súa xeración é a súa reivindicación de Galicia como nación e o conseguinte esforzo por dignificar e modernizar o idioma e a cultura propios. Estes obxectivos concretáronse na produción dunha obra literaria e artística de magnitude ciclópea, na fundación dunha forza política propia e na consecución do Estatuto de Autonomía, cuxa aprobación plebiscitaria en 1936 constitúe o fundamento do recoñecemento de Galicia como nacionalidade histórica na Constitución Española de 1978.

Como queda de manifesto en Sempre en Galiza, Castelao e a súa xeración concibiron unha nación galega ben arraigada en Europa, sen esquecer nunca a súa poderosa proxección americana, e consideraron o idioma galego como a manifestación máis xenuína da nosa cultura e o signo máis visible da nosa identidade nacional.

Como ben argumentou Castelao, a lingua galega é unha lingua europea, dona dunha tradición literaria centenaria. Poucos idiomas de Europa posúen literatura medieval tan rica coma a nosa, e moi poucas sociedades do noso continente tiveron pulo para crear unha lírica trobadoresca como a que floreceu en Galicia a partir do século XII. En galego están compostas as Cantigas de Santa María de Afonso O Sabio, que cos espléndidos códices que nolas legaron, constitúen un dos maiores monumentos da cultura europea da Idade Media. Naqueles tempos foron vertidas ao galego obras senlleiras da cultura europea, escritas orixinalmente en latín, como a Historia de Carlos Magno e de Roldán (que relaciona o emperador franco coa peregrinación a Compostela) ou en francés, como a Crónica Troiana, mandada trasladar polo cabaleiro Fernán Pérez de Andrade. Martín Sarmiento, o iniciador do cultivo e da reivindicación da lingua galega en plena Ilustración, é unha figura intelectual de talla europea. Do mesmo xeito, Rosalía de Castro é unha das maiores poetas do tempo da Primavera dos Pobos europeos, comparable a calquera dos grandes vates que inspiraron o xurdir ou rexurdir de moitas das linguas do centro e do oriente do vello continente. 

Se comparamos o galego con outras linguas europeas polo número de falantes, a nosa comunidade lingüística —sen contar coa extraordinaria proxección que nos dá a nosa lingua irmá de Portugal— é máis numerosa cá de linguas oficiais da Unión Europea como o gaélico irlandés (menos de cen mil falantes usuais), o maltés (catrocentos mil), o estoniano (un millón cen mil), e ten un tamaño similar ao letón e ao esloveno (arredor de dous millóns), ou ao lituano (por volta dos dous millóns e medio de falantes). Estas seis linguas, cómpre insistir, son oficiais dentro da Unión Europea. 

Por todo o devandito, resulta incomprensible que algúns gobernos europeos expresen reticencias e poñan atrancos ao recoñecemento do galego como lingua oficial da Unión Europea. Máis incomprensible aínda resulta que o goberno galego non faga todos os esforzos que estean da súa man para conseguilo. Non se trata unicamente do feito simbólico de colocar o galego en igualdade coas linguas oficiais dos Estados da Unión— que xa é moito, máis, tendo en conta a precaria situación do noso idioma— senón de incorporalo a unha das redes máis potentes do mundo —a dos organismos da UE— en termos de recursos técnicos (incluídos os tecnolóxicos), de medios e experiencia no ámbito da tradución e a interpretación e de normalización de terminoloxías especializadas. Os tempos son chegados xa. O futuro non pode agardar.
 

Henrique Monteagudo
Presidente da Real Academia Galega