O académico Xesús Alonso Montero nun momento da conferencia de clausura, acompañado na mesa por Marilar Aleixandre. Fonte: RAG
Sucedeu pouco despois de se establecer en Galicia, no daquela Instituto Masculino de Lugo, onde coñeceu a Xesús Alonso Montero, unha persoa fundamental xunto ao seu alumnado, segundo ela mesmo confesou, no seu espertar á lingua e á cultura galegas. Pero na escolla dese camiño tivo tamén moito que ver a súa ética persoal. Unha ética comprometida cos falantes, salienta o académico, que expresou non só como docente e narradora, senón tamén como editora, tradutora, conferenciante e mesmo autora de libros de texto, perfís todos eles nos que profundaron os relatores.
A última xornada do simposio arrincou coas conferencias de Xavier Senín e da académica Fina Casalderrey e continuou coa mesa redonda que contou co editor Manuel Bragado e as investigadoras Montse Pena Presas e Isabel Mociño, moderada moderada pola académica Marilar Aleixandre. Tras a conferencia de clausura de Xesús Alonso Montero, o serán rematou coa proxección dos vídeos escolares e as palabras do presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, o secretario xeral de Política Lingüística, institución que apoiou este encontro, e o viúvo de María Victoria Moreno, Pedro Ferriol.
Xesús Alonso Montero rememorou o compromiso coa lingua que espertou en María Victoria Moreno en Lugo, onde mesmo antes de romper a falar en galego xa lles explicou aos seus alumnos que o idioma que falaban todos, ou case todos, "sen ser oficial, era un idioma digno". "Aquela profesora nova, culta e entregada, aquela profesora de fóra, acababa así de certificar a dignidade moral dunha lingua e dos seus falantes", sentencia. Máis tarde, pero aínda no franquismo, xa dominando o idioma da súa terra de acollida, María Victoria Moreno impartiu altruistamente cursos de lingua galega, unha faceta considerada subversiva e pola que lle foi retirado o pasaporte, recorda.
Neses primeiros anos 70 fixa Xavier Senín o momento en que María Victoria Moreno se converte nunha activista social, "unha traballadora activa a prol do país que xa é o seu", como demostra igualmente o proxecto compartido da libraría Xuntanza, "un espazo de resistencia, e tamén de referencia para a literatura infantil e xuvenil", que abriu as súas portas en Pontevedra en 1973; ou a introdución de contidos de lingua e literatura galega nas aulas que impartía ás alumnas do Instituto Feminino da mesma cidade. Máis adiante, este compromiso coa cultura galega manifestaríase tamén no seu labor de tradutora, editora ou mestra de mestres en lingua e cultura galegas, repasou o amigo da escritora, coautor da biografía María Victoria Moreno. Sementadora de futuro.
Xavier Senín entrou tamén na raíz do seu compromiso coa cultura galega na conferencia que abriu o programa de hoxe. "A xenerosidade persoal e o compromiso coa cultura galega son dous faros que marcan o camiño vital de María Victoria Moreno, dúas liñas de luz que se entrecruzan ao longo do seu devir e, en boa medida, a segunda é consecuencia da primeira", reflexiona. Da xenerosidade da escritora no persoal dan conta tamén as axudas económicas directas do seu peto que deu a alumnado con escasos recursos, fabulando que o seu centro educativo dispuña de bolsas para casos especiais, pon como exemplo.
Xavier Senín e Fina Casalderrey abriron o programa da segunda xornada do Simposio María Victoria Moreno. Fonte: RAG
Na pegada que deixou María Victoria Moreno como docente afondou deseguido a académica Fina Casalderrey, que foi alumna da escritora naqueles cursos para mestres dos primeiros anos 80. "Cando falaba, prendía no alumnado unha luz que suscitaba devoción e estimulaba o olfacto da curiosidade facéndoos máis sabios, máis libres e máis responsables. O seu labor como ensinante comprometida en espertar, con palabras rexas coma a face da verdade, a paixón pola lectura, as emocións, o sentido crítico e a responsabilidade con respecto ao porvir da lingua e da cultura abondarían como méritos para lle dedicar as Letras Galegas 2018. E aquí estamos, con ela, manténdoa viva na memoria", conclúe.
Manuel Bragado, editor desde Xerais dos últimos libros de María Victoria Moreno, introduciu outro perfil da escritora homenaxeada, o de ensaísta. Como tal, salienta o seu Diario da luz e a sombra (2004), a crónica como enferma do cancro de mama que acabaría coa súa vida. A obra, "a súa peza ensaística principal", mestura "moitos fíos autobiográficos con reflexións filosóficas, literarias e mesmo relixiosas". É, de feito, "unha guía esencial para o coñecemento da poética da vida de María Victoria Moreno", na que sobresaen "o valor da amizade e da rede dos afectos", apunta Manuel Bragado, que coñeceu a protagonista das Letras Galegas 2018 na Feira do Libro de Pontevedra de 2003. Aquel encontro foi inaugurado por ela mesma cun "pregón espectacular, toda unha arenga rimada, na que chufou ben chufado o alcalde de Pontevedra, e na que se definiu como escritora snob e insurrecta, anque moitos paus lle deran", lembra.
Manuel Bragado compartiu mesa redonda con Montse Pena Presas e Isabel Mociño. Fonte: RAG
Isabel Mociño, investigadora da Universidade de Vigo, indagou tamén no labor multifacético dunha autora cuxo traballo como escritora, docente, editora ou tradutora foi esencial para o despegar da literatura infantil e xuvenil galega. "A vizosidade que hoxe demostra a literatura galega, en especial a que tamén pode ler a infancia e a xuventude, non sería tal sen o papel de pioneiras como María Victoria Moreno. Nela recoñecemos as nosas raíces as que aprendemos a ler en galego".
O compromiso docente de María Victoria Moreno tamén a levou a asumir a redacción de dous libros de texto, publicados en 1985 e 1987, "que se poden considerar os primeiros manuais de literatura galega para 3º de BUP e COU (o actual bacharelato)", apunta Montse Pena Presas. A investigadora da Universidade de Santiago de Compostela presentou no simposio un traballo que analiza o contexto e o contido de ambos os dous manuais, Literatura século XX e Literatura 3º BUP, un proxecto compartido co seu antigo alumno Xesús Rábade e, no caso do libro de 3º de BUP, tamén con Luís Alonso Girgado. Estes manuais marcaron un fito "polas súas atrevidas interpretacións, pola presenza importante que neles teñen os textos literarios e polo altísimo nivel que demostran", considera Montse Pena Presas. "Han quedar nos andeis como mostra do esforzo de toda unha xeración galeguista que foi construíndo, paseniñamente e case sobre a nada, os libros que habiamos de estudar as que viñemos despois", conclúe.
Pola esquerda, Pedro Ferriol, viúvo de María Victoria Moreno, Xesús Alonso Montero e a académica Rosario Álvarez, que confesou desde o público que a escritora foi a mellor docente que tivo. Fonte: RAG
Pedro Ferriol intervén na clausura do Simposio María Victoria Moreno acompañado do presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e as coordinadoras do encontro, Fina Casalderrey e Marilar Aleixandre. Fonte: RAG
Máis imaxes na sección FOTOGALERÍAS.