Imaxe de Curros procedente do Arquivo José Ogea
Segundo a relación que aparece no Boletín de abril de 1913, na homenaxe a Curros participan, entre outros, o alcalde da Coruña, José Folla Yordi; a poeta e membro correspondente da Academia, Filomena Dato Muruais, así como unha abondosa representación de membros numerarios e correspondentes da Academia presididos por Manuel Murguía.
Durante o acto ten lugar unha lectura de textos do poeta celanovés, así como dunha serie de panexíricos entre os que salientamos un procedente de quen era o reitor da Universidade de Salamanca, e un dos máis recoñecidos intelectuais españois naquela altura, Miguel de Unamuno. No seu discurso, que se pode descargar aquí, o escritor bilbaíno evoca a súa temperá toma de contacto con Galicia a través da memorización de parte dos versos de Aires da miña terra, de Curros: "Aquellas mis aficiones de los dieciséis años a aprenderme de memoria en puro leerlos versos en lengua extraña eran, en parte, hijas de una vocación de lingüísta –y recomiendo para aprender lenguas aprender de memoria versos en ellas-."
Así mesmo, Unamuno introduce unha crítica á concepción militante da poesía do celanovés: "he reflexionado sobre el elemento sectario que más veces las deslustra [as poesías] que las ilustra, sobre esa quejumbrosidad gallega que me parece un tópico infundado y un error poético". Malia iso, Unamuno recoñécese fiel á súa devoción adolescente por Curros: "pero todo esto […] no ha podido hacer que se ajen en mi alma […] aquellos cantos gallegos".
Unha transcrición do panexírico de Unamuno, conservado no Fondo Manuel Casás do Arquivo da Academia, pódese descargar aquí.