A fotografía máis repetida nesta semana para despedir e honrar a Carlos Fernández Rial, fundador de Xeito Novo e falecido o mércores día 10 de outubro na cidade de Buenos Aires, deixa ver o esencial: sobre o escenario, a gaita Hevia laranxa, a camiseta negra -lembranza dun recital de rock-, as lentes de marco escuro e, detrás delas, o aceno serio, concentrado, esixente. Tiña algo menos de 60 anos pero levaba un estilo sen tempo: nin mozo, aínda que mantiña os soños e as utopías acesas; nin vello, aínda que xa era avó. Músico, home da política, militante da colectividade, pechador de portas e abridor de xanelas, Carlos Fernández Rial era, antes de nada, un home disposto a cambiar o mundo.
Nacera na metade do ano 1959 na cidade de Buenos Aires, pero iso non ten a menor importancia porque a súa patria era menos esa que pisaban os seus pés e máis a que mamara na casa: a Galicia dos seus pais, Lola e Pepe, "unha familia galega, onde a música e a danza eran os protagonistas fundamentais. Tamén os ideais republicanos eran parte importante destes galegos da diáspora", definiu o seu amigo e historiador Lois Pérez Leira.
Medrou nos salóns do Centro Betanzos. Aí aprendeu música, claro. E aprendeu todo o demais. Nos anos do colexio secundario, na tradicional Escuela Técnica N° 1 Otto Krause, tamén chamada polo seu primeiro nome Escuela Industrial de la Nación, aprendeu a usar máquinas e ferramentas, pero tamén descubriu que a política é a maquina e a ferramenta que usan os ninguéns para cambiar o mundo. E Carlos lanzouse de cabeza a esa revolta.
Nos intensos anos 70 no país austral, nos que a violencia semellaba ser o idioma común, pasou polo comunismo e logo achegouse ao peronismo revolucionario. Aquí e alá aprendeu e foi conformando un espírito ceibe, de ideas firmes, no que a política era a resposta. Esa ollada lúcida soubo avisalo a tempo do perigo que axexaba a mocidade comprometida. Por iso marchou a Galicia e, con seguridade, salvouse de aparecer nas listaxes dos desaparecidos.
Lembra de novo aqueles anos Lois Pérez Leira: "Carlos decide exiliarse no ano 1979. As cousas na Arxentina aínda seguían moi perigosas. E aos dous meses estabamos a vivir xuntos no mesmo piso da Coruña. Á parte da nosa loita pola sobrevivencia, nunca faltou unha guitarrada. Mesmo compuxemos unha canción a Inés Ollero, que fora noiva miña e neses momentos estaba secuestrada pola Escuela de Mecánica de la Armada (ESMA). Xuntos fomos entrevistarnos con Domingos Merino, o alcalde nacionalista da Coruña, e participamos do Congreso do Partido Socialista Galego, que fundara Xosé Manuel Beiras". Tamén visitou a familia en Monforte e Lalín, e non perdían de xogar á pelota e de ir torcer polo Coruña no Riazor.
O retorno da democracia no país austral permitiu a súa volta. Eran os anos 80 e Carlos Fernández Rial fixo coma moitos: crear un grupo de música galega. Fixo o que moitos facían pero fíxoo dunha maneira única: Xeito Novo naceu coa potencia dunha revolución. Unha revolución que cambia o mundo.
O seu debut tivo lugar o 12 de novembro de 1984 no teatro Astral da capital arxentina, nun espectáculo organizado pola fundación que crearan co mesmo nome. Carlos lembraba aqueles comezos: "Formaramos o grupo no ano 84, pero foi o desenvolvemento do universo celta o que nos acomodou. Hoxe en día existe un sitio para os nosos discos, pero daquela non. Cando editamos o primeiro, en 1986, non sabían onde meternos. De feito, funcionou moi ben porque existía o mercado das migracións deses países que pertencían ao mundo celta aínda que non existía daquela o fenómeno comercial; as grandes compañías non viran o negocio nese momento".
Así, o cumio celta arxentino estaba ocupado por aqueles mozos e mozas galegos: Daniel Pazos, Virginia Álvarez e Carlos. Logo, chegarían Tony Ingiula (guitarra), Carolina Alberdi (teclados), Luis Gastón Lamas (batería), Marcelo Fernández (frauta travesa) e Roberto Benech Arnold (baixo). O grupo editou seis discos: Xeito Novo (1986), Galimérica (1994), Campustellae (1997), Luz de Invierno (2000), Xanelas (2005) e Noites de Lúa (2013), e a listaxe de músicos arxentinos destacados que formaron parte dalgunhas das súas pezas dá arrepíos: León Gieco, Chango Spasiuk, Lito Vitale, Rodolfo García, Lidia Borda, Mimí Maura e Los Amados.
Pasaron trinta anos desde daquela e Xeito Novo é un selo, unha presenza, unha marca. Algunha vez, Carlos explicou o milagre deste fenómeno: "O xermolo de Xeito Novo foron dúas gaitas e unha base de percusión. O asunto da fusión e de relacionarnos con culturas próximas como a irlandesa ou a escocesa só foi posible unha vez que estivemos consolidados. Porque para facer fusión hai que ter raíces moi fortes, se non está o perigo de distorsionarse. Hai que andar moito na terra para que no momento de lanzar a mensaxe con instrumentos non convencionais non se desvalorice nin se desvirtúe. Para iso, debiamos ter e tiñamos unha experiencia sólida en pezas galegas. Dende aí, comezamos a vincularnos, a reinterpretar obras de Escocia ou Irlanda, pasadas pola peneira da nosa formación musical. E engadimos que nós nacemos na Arxentina, influídos polo tango, o folclore, (Luis Alberto) Spinetta, Charly García".
Xeito Novo é, sen dúbida, a herdanza máis notable que deixa Carlos Fernández. Pero non a única. A súa militancia política foi intensa. No remate do século pasado e comezos deste, foi nomeado secretario de Comunicación do PSOE da Arxentina e tamén participou do Consejo de Residentes Españoles (CRE) de Buenos Aires. Aquí e alá, non se apeou das súas bandeiras: os dereitos dos españois, e dos galegos en concreto, sen importar onde residen, a memoria do pasado e os valores republicanos.
Por iso, cada vez que sentiu que esas ideas non eran respectadas, preferiu a intemperie do que marcha e non a comodidade do que queda e renuncia. Fíxoo na Federación de Sociedades Galegas cando emboscou o entón presidente da Xunta de Galicia Manuel Fraga Iribarne que, só pisar o pazo da rúa Chacabuco, foi recibido con berros de "asasino". E fíxoo tamén no PSOE. Pero non era home de quedar na casa, de maneira que, en lugar de buscar outra forza política, colaborou na creación dunha: a Agrupación Federico García Lorca, dende a que -xunto con outros homes e mulleres tan comprometidos coma el- se entusiasmou con actividades políticas e culturais vinculadas cos valores republicanos e a memoria histórica. O obxectivo: que os crimes do franquismo nunca sexan esquecidos.
Hai anos fíxenlle unha breve entrevista. Falamos de Xeito Novo, e cando lle preguntei como fora que o grupo conseguira proxectarse dende a colectividade ata esta presenza nacional e internacional que ten hoxe, respondeu con catro liñas dunha claridade meridiana: "Sempre reivindicamos as nosas raíces e sentímonos moi orgullosos dese aspecto. Como galegos que somos, fixémonos sitio no ambiente musical arxentino sen ningún tipo de complexos e así acadamos o recoñecemento dos máis importantes músicos da Arxentina. Iso foi o que nos abriu moitas portas".