Un volume recupera a obra en galego de Francisca Herrera, pioneira da novela galega e primeira académica

Coma Jane Austen, Francisca Herrera (A Coruña, 1869-1950) viviu nun ambiente pouco favorable ao mundo da creación literaria, compara Camiño Noia. E malia pertencer á burguesía coruñesa castelanfalante, decidiu publicar en galego, primeiro poesía e despois narrativa longa, tras o espertar dunha vocación literaria que se nutriu dos versos de Rosalía de Castro. Converteuse así nunha pioneira en galego neste xénero literario, e “pódese dicir que na voz de muller máis importante no campo literario da xeración das Irmandades da Fala”, valora a catedrática emérita da Universidade de Vigo no volume que recompila a obra escrita na lingua do país de quen foi a primeira muller elixida académica de número e protagonista do Día das Letras Galegas de 1987. 

1/7

A filóloga presentou na tarde de onte Francisca Herrera y Garrido. Obra en galego na Casa Charry de Oleiros, acompañada polo presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; o rexedor oleirés, Ángel García Seoane; e o sobriño neto da escritora, José Leoncio Areal, editor do libro, nun acto coorganizado pola Academia e o Concello de Oleiros. O libro é froito do traballo “consistente, meticuloso e esixente” levado a cabo pola profesora Noia, destacou o presidente da Academia. A catedrática e o editor agradeceron, pola súa banda, a colaboración neste proxecto de Antía Monteagudo Alonso e Manuel Vilaboa Cebreiro, e mais de Nieves Loperena Saá como deseñadora e maquetista.

A investigadora recuperou en 1981 a figura de Francisca Herrera –estreitamente vinculada ao concello oleirés, onde pasou longas tempadas– como a primeira narradora en galego coa reedición da novela Néveda, saída do prelo por primeira vez en 1920. “Ata ese momento, esta era a mellor novela que se fixera en galego, pero non obtivo o éxito que merecía seguramente polos seus elementos decimonónicos nunha etapa na que a narrativa se estaba renovando en toda Europa. Francisca Herrera era romántica, espiritual e relixiosa, e todo iso está nesta obra que tampouco obtivo o recoñecemento dos homes das Irmandades da Fala, que promovían a narrativa en galego”, contextualizou Camiño Noia. 

O volume, promovido por José Leoncio Areal, ofrece Néveda canda o resto da obra galega que a escritora deixou publicada: os relatos Contos da montaña (1920), A y-alma de Mingos (1922), Martes d’Entroido e A neta da naipeira (1925), artigos incluídos en revistas de Galicia e a emigración en América e a súa produción poética xa coñecida. Rescata ademais oito textos inéditos conservados no fondo familiar, co desexo de que os futuros lectores “lle dean novos e enriquecedores enfoques” ao conxunto da obra da académica, “convocados pola herdanza que nos deixou a experiencia vital de Francisca Herrera e a súa impronta literaria”, expresou o seu sobriño neto na presentación. 

A recompilación, levada a cabo coa colaboración de Antía Monteagudo Alonso e Manuel Vilaboa Cebreiro, conta ademais cunha completa biografía da escritora asinada tamén por Camiño Noia, quen conclúe este apartado sinalando que Herrera y Garrido tiña condicións e medios para chegar a ser unha grande escritora, de liberarse da súa educación tradicional. José Leoncio Areal achega pola súa banda unhas notas biográficas nas que afonda, entre outras cuestións, na correspondencia que Francisca Herrera mantivo co ensaísta francés Philéas Lebesgue entre o Nadal de 1920 e a primavera de 1950, a quen lle escribiu practicamente sempre en galego. 

O presidente da RAG  pon o acento precisamente no xeito en que, malia a súa bagaxe, Francisca Herrera sorteou os prexuízos lingüísticos da época e lamenta que a longa demora na tramitación do seu ingreso na Academia impedise que chegase a ler o seu discurso, dedicado a Rosalía de Castro e dispoñible nas seccións de membros da RAG e de publicacións desta páxina web. Designada o 4 de marzo de 1945 académica de número, a escritora redactou a alocución cunha rapidez excepcional e entregoulla á institución o 11 de abril dese mesmo ano. A Academia tardou dous anos en decidir que fose Antonio Couceiro Freijomil quen lle dese resposta, e este tardou outros dous en redactar a súa intervención. Herrera y Garrido faleceu en novembro de 1950, aos 81 anos de idade, sen que aínda se fixase data para a súa recepción oficial como a primeira muller membro do pleno da corporación que botara a andar en 1906.