Marta Dacosta, Francisco Fernández Naval, Alexandrina Fernández Otero, Carmen Fernández Pérez-Sanjulián, Rosalía Fernández Rial, Maribel Longueira, Antía Otero, Roberto Pascual, Ana Pillado, Susana Sanches Arins, Cesáreo Sánchez Iglesias e a propia Montse Pena Presas -alumna de Luísa Villalta no IES Isaac Díaz Pardo de Sada- son as autoras e autores das contribucións dun título que parte na súa propia concepción desa “procura do comunal” da escritora. Confórmase desta maneira “unha sorte de homenaxe” mais tamén se busca provocar “ese ruído” que permita coñecer mellor a Villalta, explica Pena Presas.
“Luísa entendía vivir e intervir no presente en clave colectiva e como parte dun tempo e dun espazo de construción nacional e colectiva”, engade Mercedes Queixas Zas. “Iso explica a súa implicación e compromiso con todas as causas xustas porque nada lle era alleo. A Luísa muller é inseparable da Luísa profesora, poeta, narradora, ensaísta, música... e nós sentímonos herdeiras desta forma de ser, estar e sentir este presente continuo”, profunda a filóloga e escritora.
Montse Pena Presas presenta no volume dous artigos, un deles centrados na Luísa docente e outro na narradora. A profesora de Didáctica da Lingua e da Literatura da Universidade de Santiago de Compostela recorda a autora á que a RAG lle dedica o vindeiro 17 de maio como unha docente a quen sen dúbida lle gustaba o seu traballo. “Queríanos transmitir a súa paixón pola lingua e pola literatura galegas e incitábamos a reflexionar, a pensar, a cuestionalo todo. Sen dúbida, alén do que aprendín con ela de literatura, quedo con esa idea de non conformarme co establecido”, comparte.
Canto ao traballo que centra na narrativa de Villalta, Pena Presas relaciona esta produción, a menos estudada da escritora, coa que deixou noutros xéneros literarios. “Unha autora que se entregou ao cultivo de todos os xéneros e á propia reflexión sobre eles creo que ter que ser entendida tamén globalmente”, valora.
Mercedes Queixas Zas tratou a Luísa Villalta na vida cultural e política da Coruña. Tamén fóra das aulas era unha muller que transmitía afecto e xenerosidade, lembra. “Tiña un discurso poderoso, elocuente, culto e firme, e era muller de principios, convincente, defensora do feminismo, da normalización lingüística, da xustiza social, da memoria democrática, da soberanía nacional... A súa presenza, aínda que discreta, non deixaba ninguén indiferente, ao igual que a súa obra. Hoxe vemos como permanece viva e sorprende o lectorado”, retrata a académica correspondente.
Como lectora de Villalta, Queixas Zas pon o acento no xeito en que esta fixo da Coruña materia literaria, de maneira especial nos poemarios En concreto e Papagaio. “Aínda hoxe, cando camiño pola Cidade Alta, a memoria lévame aos seus versos na súa propia voz. É un orgullo para A Coruña aínda non suficientemente valorado”. Como docente de Lingua Galega e Literatura na secundaria, suxire ademais a novela As chaves do tempo, reeditada por Cuarto de Inverno.
Pena Presas tamén sinala especialmente Papagaio, páxinas nas que os versos acompañan as fotos que Maribel Longueira realizou do derrubamento do barrio da prostitución coruñés. “Esa capacidade de deitar outra mirada sobre as cousas penso que é parte do selo Villalta”, analiza. A académica correspondente sadense ten tamén predilección polo articulismo de Villalta reunido no Libro das colunas. “Nel aparece a autora máis transparente, co seu pensamento e coa súa rebeldía tal e como eran”, conclúe a súa exalumna.