Un nó entre o persoal e o común, a pegada rosaliana en Lois Pereiro

 O 24 de febreiro conmemórase o natalicio de Rosalía de Castro (1837-1885), só oito días despois da celebración do aniversario de Lois Pereiro (1958-1996). Malia os 121 anos que separan os dous nacementos, os versos do poeta punk teñen unha impronta rosaliana. Un "nó indisoluble entre o persoal e o común", en palabras de María do Cebreiro Rábade, que se manifesta de xeito moi evidente no poema "Alerta e vixiante", incluído en Poesía última de amor e enfermidade.
Detalle da cuberta de 'Poesía última de amor
e enfermidade' (Edicións Positivas)

Manuel Rivas foi probablemente o primeiro autor en notar a pegada de Rosalía de Castro en Lois Pereiro. Lémbrabao María do Cebreiro Rábade Villar na súa contribución ao Congreso Lois Pereiro, celebrado en 2011, o ano no que o poeta monfortino protagonizou o Día das Letras Galegas. Neste traballo, publicado no Boletín da Real Academia Galega 372 (páxinas 37-49), Rábade Villar subliña, en consonancia con Rivas, que "onde realmente pode achegar luz o vínculo entre os dous autores é na súa vontade de apertura ao mundo dende unha intensa análise da propia subxectividade".

Se en Rosalía esa apertura viña propiciada pola súa asimilación persoal do romanticismo radical da mocidade alemá e pola súa inserción na xeración que se afirmou politicamente no Banquete de Conxo, no caso de Pereiro "a disolución da polaridade entre o eu e os outros" resulta indisociable da súa atenta lectura da literatura centroeuropea do século XX, moi influída polo existencialismo, apunta a investigadora. "En realidade, tanto Rosalía de Castro como Lois Pereiro mostran na súa obra que a miúdo os vínculos persoais non suspenden, senón que máis ben revelan as regras do mundo social", profunda. Quizais o poema do autor que expresa dun xeito máis evidente este nó indisoluble entre o persoal e o común, engade, sexa "Alerta e vixiante", de Poesía última de amor e enfermidade.

"Ao aludir á desgraza, na forma de sufrimento psíquico, de enfermidade física ou de precariedade, Rosalía de Castro e Lois Pereiro estaban a falar, simultaneamente, do mundo e da historia. A expresión literaria da dor operou para eles como un indicio das condicións obxectivas da existencia humana (…). Na súa resistencia a non separar o sentimento da experiencia, nin a conciencia da posibilidade de actuar, parecen dicirnos que a primeira obriga dunha existencia política é deixarse conmover. Firmemente atadas ao sentido do infortunio, as súas obras resultan ser un acto de lealdade ás continxencias do presente", conclúe Rábade Villar.

ALERTA E VIXIANTE*
Que a vida non me sorprenda xamais
desprevenido caldo e neutral
e que un segundo antes de renderme
vaia tamén comigo a imaxe do que fun cando era outro
Fumes de Barakaldo Rentería Sestao
invernías nos corpos desde dentro e ferro húmido
nos aceiros da Ría do Nervión co Ruhr cruzado
nos trens da Deutsche Bahn tocando carne de
Sant Pauli
Kreuzberg con fame de Kebab paseando libres
á sombra do Muro coira vodka e Pogo
demolición alternativa en revolta eficaz
O cheiro acedo de suor a sono ferroviario ás cinco
da mañá
con frías de dúas noites e dous días en mono de metal
Pena Moa Carqueixo o Bao en wáteres de dor entre
ferruxe
e mil niveis de medo estratos de arrepío sobre
a miseria
que nos cravou no tempo un por un
caídos nunha guerra de arquitectos sobre a fatiga
dos materiais
A loita continúa e somos moitos menos e distintos
e o inferno "sont les autres"
tamén nós
tantas derrotas nos libros na alma e nas casoupas
feitas de fatalismo e humidade moral
co mofo dos vencidos
E vestixios visuais dunha procesión xorda de
evidencias marxinais e feridos van comigo sen
esquecer que a vida
esbara o contraodio polo gume da morte o seu coitelo
do que día tras día todos nos esforzamos por salvar.
Agosto, 1995

* Poema extraído de Poesía última de amor e enfermidade. 1992-1995.
Edicións Positivas, 2010 (terceira edición).