Un mural para Rosa e Adolfina na EIM Luis Seoane

Rosa e Adolfina Casás Rama son as protagonistas do mural presentado esta mañá na Escola Infantil Municipal Luis Seoane da Coruña. Tania Solla debuxou as dúas cantareiras de Vila da Igrexa (Cerceda) no patio do centro educativo, que celebrou o Día das Letras Galegas cun programa que incluíu tamén a representación dunha pequena obra teatral sobre a festa deste 17 de maio. A académica Dolores Sánchez Palomino participou no acto en representación da Academia.

Tras se destapar o mural, os nenos e nenas da escola infantil cantaron unha das coplas de Rosa e Adolfina acompañados de Martín e Raúl, exalumnos do centro que dirixe Felicidad Casás, neta de Rosa Casás Rama. A xornada festiva rematou cunha pandeirada da rapazada guiada por Félix Arias.

Rosa e Adolfina Casás Rama, sobriña e tía, son dúas das sete mulleres nas que a Real Academia Galega personificou o Día das Letras Galegas que este ano lles dedica ás cantareiras e á poesía popular oral. A institución celebrou o pasado mes de marzo no seu concello natal a presentación do proxecto web para o público infantil Primavera das Letras da man da comunidade educativa do CEIP Celso Emilio Ferreiro.

Pola esquerda, Felicidad Casás, directora da escola e neta de Rosa Casás; a académica Dolores Sánchez Palomino e a alcalde da Coruña, Inés Rey, xunto aos demais representantes institucionais que participaron no acto. Fonte: RAG

A académica Dolores Sánchez Palomino intervén no acto.