do monográfico
A primeira parte deste monográfico presenta un panorama de avances e resultados da lingüística galega nas últimas décadas ata o momento actual e os desafíos coa ollada posta no porvir, explican os coordinadores do número. "Temos a certeza de que esta publicación redundará nun maior e mellor coñecemento do idioma galego e da lingüística galega no Brasil, e contribuirá deste xeito a estreitar aínda máis os lazos, xa firmes, que nos unen", engaden no limiar Henrique Monteagudo e Rosario Álvarez.
A idea xurdiu como un convite do propio editor da revista, o profesor da UFRJ Leonardo Lennertz Marcotulio, para dedicar un monográfico da publicación universitaria Labor Histórico ás achegas do Instituto da Lingua Galega ao desenvolvemento da lingüística galega actual. Porén, de acordo coa proposta dos coordinadores, finalmente optouse por unha visión panorámica máis ampla dos avances na lingüística galega das últimas décadas, cunha atención específica á achega do ILG.
Os traballos abranguen a sociolingüística, a dialectoloxía, a xeografía lingüística, a edición de textos, a fonética e a fonoloxía, a gramática, a historia da lingua e a lexicografía. Henrique Monteagudo ofrece unha ampla revisión da situación social da lingua galega, Rosario Álvarez asina xunto a Xulio Sousa un artigo sobre a variación lingüística, a académica correspondente Ana Boullón céntrase na edición de textos en Galicia da Idade Media aos Séculos Escuros, o académico de número Xosé Luís Regueira e Elisa Fernández Rei profundan nos traballos de fonética e fonoloxía, e o académico de número Antón Santamarina e o académico correspondente Ernesto González Seoane ofrecen unha ollada sobre a evolución da lexicografía analizando, entre outros aspectos, o impacto e a influencia sobre a produción posterior do Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega (VOLG). Completan o número dous artigos doutros investigadores do ILG: Francisco Cidrás, Francisco Dubert García, Xavier Varela Barreiro e Ricardo Pichel. Os dous primeiros ofrecen unha perspectiva histórica dos estudos gramaticais sobre o galego e os profesores Barreiro e Pichel afondan na situación actual da lingüistica histórica galega.
Cuberta do segundo volume
O segundo volume do monográfico, baixo o título Galego e Português Brasileiro: história, variação e mudança, ofrece os resultados do proxecto de investigación co mesmo nome, financiado polos ministerios de educación de España e Brasil e coordinado desde a USC por Henrique Monteagudo e desde a Universidade Federal Fluminense por Xoán Carlos Lagares Díaz. "Esperamos que este dossiê seja apenas um dos muitos que virão sobre análises comparadas entre línguas e variedades românicas, com especial destaque ao papel e à posição do galego no processo de constituição histórica do português", saliéntase na presentación de Xoán Carlos Lagares e Leonardo Marcotulio, responsables deste número.
Entre outras achegas, Henrique Monteagudo e Xoán Carlos Lagares abordan a cuestión da norma e a autoridade lingüística no galego e no portugués brasileiro, e Anik Nandi, investigador da Queens' University de Belfast e colaborador do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega, fai un achegamento ás políticas lingüísticas e culturais en Galicia. Outras investigadoras e investigadores de distintas universidades do Brasil analizan aspectos da lingua galega, cunha ollada comparativa desde o portugués brasileiro.