Un facsímile de 'Queixumes dos pinos' para celebrar o seu 130 aniversario

Este sábado, 12 de novembro, celébrase o aniversario da publicación de Queixumes dos pinos. O libro de Eduardo Pondal, que a partir da segunda edición que realizou a RAG incluíu entre os seus versos o poema convertido en Himno galego, saíu por primeira vez do prelo da imprenta de La Voz de Galicia en 1886, dentro da Biblioteca Gallega creada por Martínez Salazar e Juan Fernández Latorre. Cento trinta anos despois, o xornal presentou hoxe na sede da Real Academia Galega unha edición facsimilar do exemplar daquela primeira edición que Eduardo Pondal lle dedicou a Emilia Pardo Bazán, un volume de enorme valor que se conserva na biblioteca da RAG.

O presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, amosa o exemplar orixinal de Queixumes dos pinos e o facsímile editado por La Voz de Galicia co gallo do 130 aniversario da súa publicación. Autor: RAG


Xunto a representantes de distintas institucións políticas e culturais e descendentes de Pondal, o acto contou entre o público con alumnos e alumnas do IES Eduardo Pondal de Ponteceso, a vila natal do poeta. A presentación empezou con música a cargo da clarinetista Blanca Represas, que tamén a pechou coa interpretación do Himno galego. Os versos de Pondal tamén se escoitaron por boca de Miguel Anxo Mato, que recitou Campanas de Anllóns.

O presidente da Real Academia Galega salientou a "grandeza especial" do facsímile presentado, xa que reproduce o exemplar que o propio autor lle dedicou á escritora coruñesa Emilia Pardo Bazán, cuxa casa é hoxe sede da Real Academia Galega. Xesús Alonso Montero recordou que Queixumes dos pinos, "á parte da importancia intrínseca que ten", é o primeiro libro que Pondal publicou en galego e tamén o único de poesía galega que publicou en vida. Queixumes dos pinos publicouse na Biblioteca Gallega poucos meses despois de que esta botase a andar con Los precursores de Manuel Murguía, "un dos libros máis fermosos en prosa castelá que se escribiu no século XIX", engadiu Alonso Montero.

O delegado de La Voz de Galicia en Carballo, Xosé Ameixeiras, destacou tamén a importancia do libro que converteu a Pondal nun dos tres piares do Rexurdimento xunto con Rosalía e Curros. Con el, o bardo de Ponteceso "buscou a construción dunha poesía e dun idioma culto para Galicia" e fai unha chamada aos galegos "para que tomen conciencia de si mesmos". "Por medio desta obra, Eduardo Pondal deulle ao galego e a Galicia no seu momento un gran nivel estético, un armazón mítico, profético e visionario, convertendo a lingua nun sinal de identidade", engadiu Ameixeiras, que salientou que o autor do Himno galego "segue moi vivo, sobre todo na nativa costa".

Lois García, presidente da Fundación Eduardo Pondal, entidade colaboradora na edición facsimilar, subliñou a vixencia de Queixumes dos pinos, "un libro histórico e á vez actual" que pon Galicia "ante o espello do seu reencontro", e en cuxas páxinas non só hai queixa, senón tamén reivindicación. "É a grande obra do bardo que lle deu himno poético a Galicia", engadiu García, que tamén aproveitou a ocasión para chamar a atención sobre a grave situación demográfica da Costa da Morte.