Seguramente o dolmen máis famoso de Nós é o trílito alumado polas raiolas do sol que Castelao incorporou á ilustración da portada da publicación a partir de 1926. Mais en realidade foi no número 1 onde Castelao presentou o seu primeiro dolmen: un trílito de longas antas coroado por unha estrela. Este foi o debuxo elixido para ilustrar a primeira páxina do artigo de Vicente Risco "O sentimento da Terra na raza galega". Posteriormente o mesmo debuxo apareceu en moitos outros números da revista, de maneira que, grazas a este dolmen e ao da portada, o monumento megalítico converteuse nun dos motivos artísticos máis repetidos nas páxinas de Nós.
Esa non foi a única ocasión na que o artista de Rianxo representou este tipo de monumentos. No ano 1926 tamén adornou con trílitos algunhas das letras iniciais decoradas coas que ilustrou o libro de Ramón Cabanillas Na noite estrelecida, onde incluso repetiu o mesmo esquema do dolmen iluminado polo sol.
A pesar de que o dolmen de Nós pode ser o máis famoso dos exemplos realizados nesa época, houbo outros creadores que tamén contribuíron a consolidar as formas megalíticas na arte galega. Deles sen dúbida o máis relevante foi Camilo Díaz Baliño, grazas ao seu inxente traballo como pintor, escenógrafo e ilustrador de libros. A el pertencen ilustracións ben coñecidas que teñen un destes monumentos megalíticos como elemento central; por exemplo, o deseño da colección de narrativa Lar ou o debuxo de cuberta da novela Almas mortas de Antón Villar Ponte, publicada pola editorial Céltiga no ano 1922. Ao mesmo tempo, os escultores Francisco Asorey e Uxío Souto incluíron igualmente motivos dolménicos nalgunhas das súas obras: velaí o monumento ao poeta Curros Enríquez na Coruña realizado polo primeiro e a estatua chamada "Druidesa" feita polo segundo. Castelao, xa que logo, formou parte dun conxunto de artistas galegos que durante as décadas de 1920 e 1930 converteron o dolmen nun motivo artístico.
O engado que os artistas mencionados sentiron pola figura do dolmen tiña a súa orixe na historiografía do século XIX, na cal os monumentos megalíticos existentes en Galicia se atribuían aos celtas. Mais tamén procedía da literatura, dado que Eduardo Pondal e outros escritores introduciran nos seus poemas mencións aos dolmens dos celtas. Como os historiadores e os poetas, Castelao, Díaz Baliño, Asorey e Souto tamén pensaron que o dolmen e os outros megálitos eran monumentos dos celtas. Por tanto a anta-trílito presente nos traballos destes artistas era moito máis ca un simple elemento decorativo utilizado en ilustracións ou esculturas, xa que se converteu nun verdadeiro símbolo da Galicia celta. A presenza deste símbolo nas súas obras equivalía a reafirmar a idea da celticidade de Galicia, da mesma maneira que a presenza dos monumentos megalíticos na paisaxe galega era para eles un testemuño do pasado celta do país e tamén unha proba da continuidade no presente do legado deixado polos celtas.
A combinación realizada por Castelao xunguindo o dolmen co sol (unha imaxe universal do renacer da vida) ou cunha estrela (para o galeguismo, a representación das arelas de liberdade) posuía tamén evidentes connotacións simbólicas: os dous debuxos transmitían a mesma idea de esperanza no renacemento dunha nova Galicia, libre e fiel á súa herdanza céltica. Non por casualidade esta idea era o eixe central da filosofía da revista Nós e tamén foi un dos principios fundamentais que inspiraron o labor das Irmandades da Fala. Así pois, as imaxes dos trílitos feitas por Castelao para a revista expresaban simbolicamente algunhas das crenzas centrais do galeguismo de entreguerras.
Concluiremos dicindo que a simboloxía do dolmen ideada por Castelao respondía ao desexo do galeguismo de crear e popularizar novos símbolos para o país que ademais transmitisen as doutrinas esenciais do seu ideario. Como ben demostrou o deseñador Pepe Barro no seu libro Máis que ver. Cen historias do deseño na Galiza, a anta-trílito deseñada por Castelao e por Camilo Díaz Baliño pasou a formar parte do repertorio simbólico de Galicia xunto doutros símbolos nacionais -bandeira, escudo, himno ou cruz de Santiago- que xa estaban ben aceptados ou que aínda se encontraban en proceso de consolidación. A continuidade do símbolo da anta en artistas posteriores como Luís Seoane, Urbano Lugrís e Isaac Díaz Pardo é unha boa proba do seu éxito.