Público coa plaquette conmemorativa do Día da Poesía de Luis Seoane.
Fonte: RAG
Foto de familia dos intervenientes na homenaxe.
Fonte: RAG
Oriana Méndez, Baldo Ramos e María do Cebreiro.
Fonte: RAG
O concelleiro Gonzalo H. Castro intervén na apertura do acto.
Fonte: RAG
Oriana Méndez, María do Cebreiro, Xesús Fraga, Alba Cid e Carlos Negro.
Fonte: RAG
A directora da Fundación Luis Seoane, Carmen Jiménez, intervén na apertura do acto.
Fonte: RAG
A académica María López-Sández conduciu a celebración.
Fonte: RAG
Xesús Fraga participou cun texto sobre as mulleres migrantes na obra de Seoane.
Fonte: RAG
A académica correspondente Helena González ofrece na publicación conmemorativa unha análise da poesía de Seoane.
Fonte: RAG
Tino Baz nun momento da súa actuación musical.
Fonte: RAG
Carlos Negro dialogou co poema “Terceiros, alcaoites”.
Fonte: RAG
A homenaxe celebrouse no salón de actos da Fundación Luis Seoane.
Fonte: RAG
A poeta Alba Cid dialogou cun debuxo de Seoane.
Fonte: RAG
O académico Anxo Angueira recitando.
Fonte: RAG
Oriana Méndez escribiu un poema baseado no cadro.
Fonte: RAG
Baldo Ramos reflexionou sobre a evolución como pintor de Seoane.
Fonte: RAG
María do Cebreiro nun momento da súa intervención.
Fonte: RAG
Páxinas interiores da plaquette conmemorativa.
Fonte: RAG
Tino Baz tamén lle rendeu unha homenaxe musical a Bernardino Graña.
Fonte: RAG
Víctor F. Freixanes clausurando o acto.
Fonte: RAG
Luis Seoane viviu boa parte da súa vida na Arxentina. Alí naceu en 1910 e viviu os primeiros anos da infancia, e regresou a Buenos Aires como exiliado por mor da sublevación militar de 1936. “A nosa idea é achegarnos a unha figura importante da poesía galega que tivo que vivir a emigración como resultado do conflito. Isto fai que a súa poesía teña unha dimensión social que conecta coa nosa memoria histórica e co que foi o exilio tras a guerra civil”, explica a académica María López-Sández, coordinadora da plaquette e encargada de conducir o acto. “Seoane ten ademais unha dobre dimensión, como artista plástico e como poeta. Compártea con outros nomes importantes da literatura universal, como William Blake ou Castelao, e isto provoca que a dimensión interartística estea moi presente na súa produción. Esa relación entre artes e distintos códigos semióticos é outro dos aspectos que queremos explorar na sesión desta tarde, na que convidamos seis poetas para dialogar coa obra poética de Seoane pero tamén coa súa produción plástica”, engade.
Carlos Negro, Alba Cid, Oriana Méndez, Baldo Ramos, María do Cebreiro e o académico Anxo Angueira elixiron poemas ou obras de arte de Seoane para estableceren as súas respectivas conversas persoais co autor. Todas elas aparecen recollidas tamén no libriño, dispoñible na sección de publicacións desta web.
Helena González ofrece nestas páxinas as claves para profundar na poesía do homenaxeado, e dialoga pola súa banda coa achega de Xesús Fraga que abre o volume, unha reflexión sobre a ollada crítica de Luis Seoane ao trato dado ás persoas migrantes, en particular ás mulleres. O xornalista e escritor tece un relato no que parte da historia de Dolores, a ourensá que inspirou o lenzo de Seoane Emigrante (1967), e remata coa lembranza da súa propia avoa, emigrante no Reino Unido e protagonista de Virtudes (e misterios), título galardoado co Premio Nacional de Narrativa 2021.
Da ollada de xénero ás migracións
Nomeada Manuela Rodríguez no cadro de Seoane, Dolores porta no lenzo un cartel que a identifica en terceira persoa como analfabeta e no que pide axuda. Dolores foi enviada en 1963 polas autoridades suízas a Portbou (Girona) tras tolear na estación xenebrina de Cornavin.
“Deshumanizaron unha muller en situación de necesidade extrema. Seoane compara o cartel cos dos leprosos da Idade Media ou a estrela de David que os nazis obrigaron a portar aos xudeus. (...). Non é casual que se refira a Dolores como obreira, igual que o seu Cristo. Tampouco o é a chamada de atención á súa saúde mental”, expresa Xesús Fraga. “Esa migrante, paria de nación, clase e xénero, encarna a violencia interseccional da experiencia migratoria”, advirte Helena González.
Carlos Negro tamén afonda nunha ollada de xénero e escribe arredor do poema “Terceiros, alcaoites”, no que Seoane sinala os explotadores que negocian co “abuso dos corpos precarios, case sempre migrantes”. Anxo Angueira escolleu para o seu diálogo o poema “Galiza, un xigantesco barco” e destaca como o mar é para Luis Seoane “unha marca biográfica elevada no seu imaxinario artístico”. Oriana Méndez achegou un poema inspirado no cadro Figuras estáticas (1959) que presenta a figura dos irmáns como “desdobramento dun mesmo corpo ou conciencia en continuo tránsito entre a disolución e a reafirmación”; e María do Cebreiro presenta un poema que emerxeu dunha carta na que Cunqueiro lle anuncia a Seoane que ha recibir “Papel de cor”.
Alba Cid elixiu o debuxo Muller con pedra (1944) como fonte de inspiración para os versos cos que participa na homenaxe e Baldo Ramos fai o propio con Abstracción II (1959). O artista e poeta ofrece ademais unha análise sobre o Seoane pintor. “Teño para min que como pintor non chegou a desenvolver as súas potencialidades ata as últimas consecuencias. E seguramente unha das razóns que expliquen este feito sexa o seu compromiso radical con Galicia, antepoñendo ás súas expectativas vitais persoais como creación a conciencia colectiva de que a súa obra pictórica debía ter sempre un pé na historia de Galicia, na súa tradición e na súa cultura”, considera.
Víctor F. Freixanes destaca no limiar precisamente a relevancia para o país, a ambas as beiras do Atlántico, dese gran compromiso que adquiriu Luis Seoane, ao que a RAG lle dedicou en 1994 o Día das Letras Galegas. “Para Seoane a cultura era un dos alicerces básicos sobre os que renovar o edificio dunha Galicia nova. A Galicia de América é impensable sen o seu traballo, e na Galicia interior iniciativas como o Laboratorio de Formas de Sargadelos e outras empresas teñen unha débeda impagable con el”, valora.
A cita interartística integrou ademais a música da man de Tino Baz, que incluíu no repertorio elixido para a celebración, canda un tema dedicado a Seoane, dúas cancións baseadas en poemas do académico Bernardino Graña, falecido o pasado mes de xaneiro.
A homenaxe a Luis Seoane na súa fundación, organizada co apoio do Concello da Coruña, foi tamén un xesto de agradecemento a esta institución, que está a acoller actividades da Real Academia Galega mentres se executan as obras de rehabilitación integral da sede da RAG. Na apertura participaron o concelleiro de Cultura, Gonzalo H. Castro Prado, e a directora da Fundación Luis Seoane, Carmen Jiménez.